Praia de Soesto
Saíndo de Laxe cara a Camariñas e desviándonos por unha pequena estrada local preto do Pazo de Leis, podemos atopar a resgardada Praia de Soesto. É unha praia de reducidas dimensións (850 metros de extensión). Caracterízase por ser un areal retirado, tranquilo, de area fina e de augas ás veces mansas e moitas outras feras que rompen contra a dureza da costa rochosa do mar aberto. É unha praia ideal para a práctica do surf, e por iso o último fin de semana de Agosto ten lugar nas súas augas a celebración de probas deportivas pertencentes ao Campionato Galego de Surf e Bodyboard.