X

Eu son a Moura da Costa da Morte, a túa guía nesta experiencia que nos levará ao corazón deste territorio, polos municipios de VimianzoZasDumbría e Mazaricos.

A nosa experiencia levaranos a descubrir o esplendor de casas señoriais como os pazos de Trasariz, Torres do Allo, Edreiras ou o de Follente, que tivo como ilustre morador ao xeógrafo Domingo Fontán. Pero tamén será unha boa ocasión para descubrir lugares de gran valor etnográfico: o núcleo de Olveiroa, unha aldea tradicional coa peculiaridade de albergar a maior concentración de hórreos por habitante; e os batáns e muíños de Mosquetín.

Fortalezas como o Castelo de Vimianzo, ermidas de singular beleza situadas na contorna, igrexas e pontes ao carón do Camiño de Santiago e outros elementos arquitectónicos axudarannos a conectar co insigne pasado destas terras, que tamén atesouran vestixios prehistóricos como os castros das Barreiras e de Monte Aro.

E como curiosidade, xa que estamos en plena Costa da Morte recoméndoche o Cemiterio de Cores, un camposanto que se aparta da arquitectura funeraria tradicional pola luminosidade e polo colorido dos seus deseños.

Convídote a vivir esta experiencia por #CostadaMorte e a coñecer estes lugares coa información que tes dispoñible nesta ligazón.