Tras pasar a primeira noite en A Laracha, fixaremos nesta mesma poboación o punto de partida do noso percorrido. Achegarémonos ata Caión para pasear polos principais lugares de interese (tes a información no centro da vila) e visitar un dos lugares máis máxicos de Galicia, o Santuario dos Milagres de Caión. Iso si, se queres visitar a Virxe dos Milagres fóra das datas da romaría, deberás acudir á igrexa parroquial de Santa María do Socorro, no centro de Caión.
Como é probable que a estas alturas da xornada xa che espertara o apetito, anímote a probar a gastronomía do lugar en calquera destes establecementos. Entre a gran variedade de produtos gastronómicos locais non deixes de degustar o pan e a empanada, de gran tradición aquí. Entre os peixes e mariscos máis afamados recoméndoche o polbo, os percebes, a sardiña ou o congro; aínda que se prefires comer carne tamén hai opcións para ti: poderás saborear uns callos, unha fabada ou un bo cocido. Quedarache algo de sitio para unha sobremesa?, que tal unhas cereixas? Non perdas a Festa de Interese Turístico en Paiosaco, a cal se celebra o primeiro domingo de xullo.
Agora que xa recargamos enerxías no xantar, propóñoche que aproveitemos a tarde visitando os dous museos locais, que che servirán para captar mellor todas as esencias deste territorio da Costa da Morte: o Arquivo de Pesca e o Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte. Antes do ocaso, podemos ir ata a Área recreativa de Gabenlle e facer unha andaina polo Paseo fluvial do río Anllóns.
E outro dato de interese… o primeiro e terceiro domingo de cada mes celébrase a Feira de Paiosaco. Tamén me din, que en A Laracha podes atopar un menhir que na cultura popular chaman: a “Pedra do Guicho” con un marcado folclore sexual.
Para sentir a experiencia que agora che propoño debes dirixirte aos lugares relixiosos de San Pedro de Soandres, San Roque da Pena e Santa Margarida.
A importancia de visitar estes sitios vén dada por seren espazos sagrados con respecto ao profano: o santuario é un punto onde se produce a comunicación entre o mundo interior e o mundo exterior, onde se dá unha cósmica conxunción entre a terra e o ceo; as forzas terrais e as forzas divinas; segundo o libro Os Santuarios de Rafael Quintía Pereira.
Desde antigo, os seres humanos teñen acudido a determinados lugares para pedir protección. Hoxe, a maioría deses lugares son mosteiros, como acontece en San Pedro de Soandres, un lugar no que moitas persoas foron soterradas precisamente nesa procura de amparo e protección ante as dificultades e medos terreais. Sen dúbida é un sitio que che recomendo visitar.
Se queres unirte a esta tradición na que a morte é símbolo de transformación da dor, da loita, da guerra, do naufraxio… Soandres é o lugar perfecto para pregarlle a San Pedro. Podes facelo a través dun canto, dunha danza ou sinxelamente en silencio, pedindo de corazón que te protexa e facendo unha pequena ofrenda.
Pero, por que todo o mundo o oculta? Tradicionalmente as persoas teñen por costume gardar en silencio as súas peticións. Sen embargo, nos cruceiros podemos atopar ofrendas realizadas desde o anonimato. Porque, como dicimos en Galicia, Habelas Hailas...
E xa que che estou a falar de cruceiros, quizais sexa boa idea continuar a nosa xornada visitando os de San Roque da Pena, en Montemaior, e Santa Margarida (enlace a lendas). Estes cruceiros, ao igual que acontece coas encrucilladas, lémbranos a vida perenne e a fraxilidade humana. Serven para liberar lazos emocionais, auxiliar aos nosos defuntos que están no alén e incluso protexer os camiños e a aquelas persoas que queiran avanzar por eles.
Recomendámosche visitar estes lugares sagrados, coller auga das súas fontes, realizar as túas peticións e, sobre todo, escoitar.
Para acompañar o percorrido propóñoche escoitar estas dúas pezas de música: Camiño de Caión, de Luar na Lubre e Maneo de Vilaño.