Hoxe visitaremos o municipio de Carnota, coñecido polos famosos hórreos de Carnota e de Lira, ambos de notables dimensións.
Como plan para a mañá propóñoche un percorrido polo Museo Arqueolóxico Aberto: sete estacións arqueolóxicas formadas por petróglifos, o Castro de Mallou e os restos da antiga Torre dos Mouros. Seguindo a Senda Verde poderás facer este percorrido e acceder ás diferentes áreas de interese.
Na hora de comer, se te achegas a algún dos restaurantes locais poderás degustar o mellor da gastronomía galega.
E despois do xantar quedarache tempo para visitar os hórreos de Carnota e Lira, pasear pola Praia de Carnota ou percorrer algunha das rutas que propoñen desde o municipio.
Para sentir a experiencia debes dirixirte ao Monte Pindo.
Carnota alberga o Monte Pindo, coñecido como o Olimpo Celta, un lugar historicamente vinculado á maxia, os ritos e as lendas. Chegarás a el a través dunha ruta de alta dificultade, así que ármate de valor, prepárate (leva cámara de fotos, botas de montaña, bastóns, crema solar, gorro, auga abundante e comida) e sube comigo ata acadar o cume. Polo camiño sorprenderannos as enormes rochas graníticas, de suxestivas formas produto da erosión: siluetas humanas ou de animais modeladas polo vento e a chuvia… E ti, que figuras distingues?
Xuntos chegaremos ata as pozas xupiterianas para gozar dunha das mellores vistas de toda a Costa da Morte. Será un pracer aprenderche a gozar deste entorno, un paraíso celta onde seica está a tumba da Raíña Lupa…
O Monte Pindo é historia viva de Carnota, aínda que tamén podes atopar esta historia viva e tradición na artesanía. Non deixes de ir ás exposicións e feiras nas que coñecerás os orixinais traballos de pintura e escultura de Nando Lestón, as propostas en cartón-pedra de Charamusca ou a cerámica de Nacho Porto. Consulta coa oficina de turismo local se podes visitar algún deles.