X

Día 7: Camariñas

Hoxe visitaremos Camariñas, unha vila de xente loitadora e agarimosa, que ten un corazón forte e doce froito de anos e anos de traballo no mar… Porque o mar o é todo en Camariñas.

Nesta experiencia recoméndoche empezar o día nun dos lugares máis emblemáticos da Costa da Morte: o Centro de Interpretación dos naufraxios, faros e sinais marítimos situado no faro Vilán.

Unha vez teñas visitado este punto imprescindible podes dirixirte cara Camelle, onde se atopa o Museo Man, un recinto ao aire libre creado por Manfred Gnädinger. O artista alemán chegou a Camariñas nos anos 60 do século XX, onde pasou o resto da súa vida e deixou como legado este peculiar museo. Ás visitas sempre lles pedía un debuxo: “en cada papel está a alma de cada un e o meu obxectivo é facer un gran rañaceos con todas elas", dicía.

Despois de coñecer a historia e filosofía de vida do carismático Man, a miña seguinte proposta é que te empapes do carácter mariñeiro desta vila de pescadores artesanais e mariscadoras. Para iso podes dar un paseo polas rúas e gozar da comida nalgúns dos restaurantes. Non deixes de probar o polbo de Camariñas!

Despois do xantar imponse unha visita imprescindible: o Museo do Encaixe de Camariñas, outro lugar de lenda (enlace a apartado de lendas) que tenta recuperar a memoria histórica relativa a este traballo artesanal a través das súas coleccións permanentes de deseños, pezas de encaixe, utensilios e materiais.

Outras alternativas para gozar de Camariñas levarante a contactar coa natureza. Poderás elixir entre praiasmiradoiros e varias rutas de sendeirismo: a Ruta dos Naufraxios, a Ruta Litoral, a Ruta Costa da Morte (PRG-158),  Ruta da Insua e a Ruta dos Muíños (PRG-37).

Xa sei que hai moito para ver e facer en Camariñas, pero non podes deixar de realizar a Ruta dos Naufraxios; sobre a que te podes informar coa Realidade Aumentada LAYAR.

Antes de ir onde a posta do sol, recoméndoche pasar pola conserveira Cerdeimar, que ofrece visitas guiadas e degustacións de produtos. E, se queres descubrir a alma de Camariñas da man dun experto local, podes contactar con Bernardino Martínez, quen sen dúbida farache vivir auténticas experiencias.

Para ver o solpor, nesta ocasión nos achegaremos ata a Capela da Virxe do Monte(enlace a lendas): un punto desde o cal se divisa a ría de Camariñas, a Virxe da Barca, Muxía e faro Vilán. Este enclave é ademais escenario dun evento que se celebra cada solsticio de verán: A Noite do Solpor.

Para durmir, seguindo as ligazóns podes consultar os aloxamentos recomendados en Camariñas coma o Hotel Playa de Camariñas, ou en Vimianzo.

LUCES & SOMBRAS en Camariñas

Para sentir a experiencia que che propoño a continuación debes dirixirte ao cabo Vilán, Praia do Trece.

Esta vivencia será unha crónica marítima que xirará arredor de cabo Vilán: unha crónica de morte polos naufraxios acontecidos, pero tamén unha crónica de luz polo folclore, a artesanía, a gastronomía e o carácter das xentes do lugar.

A contorna do cabo Vilán e a enseada do Trece é unha das máis belas paraxes do noso litoral, incluída na Rede Natura e dominada pola presenza da caramiña (de aquí vén o nome de Camariñas) unha planta cun froito do que se extrae un licor. Esta costa salvaxe tamén ten sido testemuña de numerosas traxedias, algunhas causadas pola néboa, como os naufraxios do carboeiro inglés Trevider, o italiano Ciampa ou o vapor Modesto Fuente. Podes atopar información sobre eses e outros sucesos no propio museo do faro de cabo Vilán.

Outra proposta imprescindible na Costa da Morte é o Cemiterio dos Ingleses, o lugar onde repousan as vítimas do naufraxio do Serpent e que forma parte da Ruta Europea de Cemiterios Singulares. Aposto que esta visita marcará a túa estancia nesta comarca e che axudará a entender o sentimento creado arredor do mar e os naufraxios. Esta é a historia:  

“Entre punta do Boi e punta A Cagada, un dos lugares máis fatídicos da Costa da Morte, foron oito os naufraxios e duascentas corenta e cinco as vítimas. Pero o más tráxico foi o do Serpent a noite do 10 de novembro de 1890”.

Este barco saíra de Plymouth dous días antes do sinistro, con rumbo á Serra Leona. Ao seu paso por esta costa, o buque derivou moito cara a terra e a escasa luz do faro Vilán foi insuficiente á hora de evitar que chocase nun punto hoxe coñecido como “o baixo do Serpent”. No momento do accidente escoitouse o desolador berro de “sálvese quen poida!”, pero o certo é que, dous cento setenta e cinco tripulantes, soamente sobreviviron tres, os cales foros arrastrados ata a praia do Trece.

Logo do sinistro o cura de Xaviña mobilizou á veciñanza para dar sepultura aos cento setenta e dous corpos, no lugar que hoxe chamamos O Cemiterio dos Ingleses. No interior están os restos de capitán e oficiais e no exterior os mariñeiros.

Pero o mar non só é sinónimo de traxedia na Costa da Morte. Tamén nos leva ao mundo da arte e o dinamismo económico debido á conexión existente entre a actividade do porto e o encaixe de Camariñas: no Museo do Encaixe (situado na propia vila mariñeira) poderemos descubrir a importancia comercial que adquiriu esta actividade como resultado da exportación de pezas artesanais e través do porto. De aí que, ao mesmo tempo, Camariñas importase liño e outras riquezas que atraían aos piratas.

Recoméndoche tamén visitar o Museo Man, se inda non o fixeches.

Se queres afondar na historia dos naufraxios, podes ler o libro de Rafael Lema: Costa da Morte. Un país de sueños y naufragios.

Se aínda che queda tempo, podes vivir outras experiencias de turismo deportivo, turismo activo e de patrimonio cultural na zona. Tes a información seguindo as ligazóns

Propóñoche tamén a Ruta Literaria pola Costa da Morte