X

Día 9: Muxía

Hoxe visitaremos Muxía, unha vila coñecida alén das nosas fronteiras por ser lugar de peregrinación ao santuario da Virxe da Barca. Exploraremos outro dos moitos lugares da Costa da Morte vinculado a historias e lendas… (enlace a apartado lendas)

Comezaremos o día no santuario de Moraime, antigo mosteiro e hospital de peregrinos (enlace a apartado lendas) e, desde alí, continuaremos o noso percorrido cara ao santuario da Virxe da Barca.

Unha boa opción para rematar a mañá é pasar polo Museo do Voluntariado de Muxía. Aquí poderás contemplar unha mostra permanente de fotografías que retratan a catástrofe do Prestige e a marea de solidariedade cidadá que colaborou na limpeza da vertedura que produciu o afundimento deste petroleiro no ano 2002.

E como tras esta visita terá chegado a hora do xantar, recoméndoche parar nalgún dos restaurantes da vila e degustar un dos produtos máis especiais, o percebe de Muxía

Despois da comida quizais che apeteza visitar os dous secadoiros de congro, únicos na Península Ibérica, e dar un paseo pola Praia de Nemiña.

Para rematar o día iremos ata cabo Touriñán para ver un dos anoiteceres máis especiais que existe, pois neste lugar teremos o exclusivo privilexio de ver o último raio de sol da Europa continental.

Para durmir, seguindo as ligazóns podes consultar os aloxamentos recomendados en Muxía ou en Fisterra.

LUCES & SOMBRAS en Muxía

O santuario da Nosa Señora da Virxe da Barca é un dos máis coñecidos de Galicia, un lugar onde aínda segue presente o culto ás pedras e o culto ás damas, santas ou mouras coma min. Propóñoche localizar algunha das cancións sobre a Virxe da Barca, e achegarte a dúas rocas que alí se atopan, con propiedades moi especiais:

  • A pedra de Abalar: ao subir á pedra pode que notes que se move. Se é así é boa noticia… Pois disque a rocha soamente abala (abanea) cando a persoa está libre de pecados.
  • A pedra dos Cadrís: o seu nome non só provén da súa peculiar forma de ril, senón pola creza tradicional de que ten o poder de curar problemas de saúde; os peregrinos deben pasar nove veces por baixo dela para sandar doenzas dos ris ou reumáticas.

Outro atractivo de Muxía que non debes perder é o encaixe de bolillos. Poderás gozar observando a súa elaboración en vivo e mercar algunha peza artesanal no propio Santuario ou ben nas rúas da vila mariñeira.

Se aínda che queda tempo, podes vivir outras experiencias de turismo deportivo,  turismo activo e de patrimonio cultural na zona. Tes a información seguindo as ligazóns

Propóñoche tamén a Ruta Literaria pola Costa da Morte