XI Mostra de Promoción Local de Carnota "Víndemo Ver"
28/03/2024 - 31/03/2024
Carnota
Os días 28, 29, 30 e 31 de marzo a praza de San Gregorio de Carnota acollerá unha gran variedade de produtos da horta, ecolóxicos e de proximidade, xunto cun amplo abano de postos de artesanía de creadores e creadoras locais dentro do “Mercado da Deputación”. Ademais destes espazos, distribuiranse pola praza diferentes postos de comida e bebida para degustar ao aire libre.
Coma en edicións anteriores, a mostra compleméntase cunha ampla oferta de actividades culturais, deportivas e recreativas para todos os públicos.
O evento dará comezo o xoves 28 ás 17:00 h co acto de inauguración e a charla-coloquio con Santiago LLovo "A salga en Carnota" no salón de plenos do Concello.
O venres 29 de marzo será a XI BTT, con saída ás 09:30 h dende o pavillón de Carnota e con dous percorridos, un longo e outro curto. As inscricións permanecerán abertas ata o 26 de marzo en cronotec.es .
Nesa mesma mañá, en paralelo á BTT, organizarase unha xincana para a rapazada, coas súas propias bicicletas, no pavillón de Carnota, de 11:00 a 13:00. Para esta última actividade non é necesaria a inscrición previa. As idades recomendadas para participar son de 5 a 12 anos e será obrigatorio o uso do casco.
Como xa vén sendo habitual, a programación inclúe unha andaina temática. A ruta elixida este ano é “Andar ao mar”, que transcorre dende o faro de Lariño ata Carnota, cun percorrido lineal de arredor de 13 km. Será o sábado 30 e a saída terá lugar ás 09:30 h, dende a praza San Gregorio de Carnota. O traslado ata o punto de inicio da ruta realizarase en bus e no transcurso da camiñada poderanse ver distintos exemplares da arquitectura popular vinculada á pesca e o procesamento da sardiña no século XX, como os restos de antigas fábricas de salgadura e algunha que outra sorpresa. As inscricións poderán realizarse en carnota.gal ata o 26 de marzo de 2024.
Podes consultar todas as actividades premendo nesta ligazón.