X

Arca da Piosa (Zas)

A tumba do mítico Brandomil

A Arca da Piosa posúe o privilexio de ter sido cantada polo bardo bergantiñán Eduardo Pondal. O autor, no seu poema “Á hora en que o doce luceiro”, incluído en “Queixumes dos Pinos” (1886), fala da anta como a sepultura do mítico guerreiro Brandomil. Con esta referencia ficticia pretendía  glorificar o pasado de Galicia tomando como elemento de prestixio o mundo céltico e convertendo algúns nomes de lugares e parroquias da Costa da Morte, como Brandomil ou Ogas en heroes míticos da prehistoria.

Pero ademais é un dolmen impoñente, dos de maior tamaño de Galicia, construído con enormes lousas de gneis, algunhas de máis de seis toneladas, traídas desde unha distancia superior ao quilómetro e medio, xa que na contorna non existe este tipo de pedra.

Por outra banda, o megálito conserva bastante ben o seu dolmen e o volume da mámoa que estaría cuberta por unha coiraza de pedra con seixos visibles a distancia. No interior da cámara e corredor existen vestixios de pintura prehistórica negra e vermella en tres das súas laxes e unha cruz, probablemente moderna, gravada na tampa de cubrición.

Este dolmen depara máis sorpresas, e é que o corredor está cuberto por dúas tampas, en lugar de unha. Parece que a pedra orixinal, que ten rugosidades onduladas, partiuse pola metade nalgún momento do seu uso e decidiuse colocar unha nova tampa enriba en lugar de retirar a rota. Un remendo, ou realmente a pedra orixinal non se podía retirar pola súa importancia simbólica?


haz click en las fotos para abrir el carrusel de imágenes