X

Pedra Cuberta (Vimianzo)

As pinturas dos alemáns

A Pedra Cuberta é unha das antas emblemáticas de Galicia pola importancia e calidade dos seus achados. Foi estudada e escavada polos importantes arqueólogos alemáns Georg e Vera Leisner no ano 1933. Os seus traballos pioneiros permitiron a extraordinaria descuberta dun conxunto de pinturas excepcionalmente conservadas, con deseños xeométricos de liñas onduladas, círculos concéntricos e triángulos que cubrían case todo o interior do monumento megalítico, tanto a cámara como o corredor. Tratábase daquela das primeiras manifestacións pictóricas atopadas en Galicia no interior dunha anta e unha das primeiras de toda Europa.

Os motivos están pintados sobre unha capa branca feita a base de caolín que cobre o interior das laxes regularizando a súa superficie. Sobre esta, fixéronse despois os diferentes deseños en pintura vermella e negra. Os pigmentos obtíñanse de arxilas ricas en óxidos de ferro e carbóns vexetais respectivamente e despois mesturábanse con auga e un aglutinante que facilitaba a adhesión da pintura ás paredes. Segundo os Leisner, as análises microquímicas revelaron que na Pedra Cuberta usouse clara de ovo como aglutinante.

Actualmente as pinturas apenas son visibles por estaren cubertas de musgo e sedimentos, pero aínda presentan un relativo bo estado de conservación. Por iso é moi importante non tocar as paredes interiores do dolmen cando se visita.

A estrutura orixinal non chegou completa até os nosos días porque dez anos antes da descuberta dos Leisner alguén o dinamitara e parte das súas laxes foron desprazadas. De feito, aínda se aprecia unha perforación nunha das lousas, froito dos traballos de cantería. Con todo, conserva bastante dos seus elementos orixinais, como boa parte da mámoa e das pedras da cámara e corredor.


haz click en las fotos para abrir el carrusel de imágenes