X

Ruta Arqueolóxica por Borneiro (Cabana)

 

  • Percorrido: Circular
  • Punto de partida/chegada: Castro A Cidá de Borneiro
  • Lonxitude: 10 km
  • Duración aproximada: 4 horas.
  • Dificultade: Moderada

 

A ruta comeza no aparcadoiro do castro A Cidá de Borneiro e sube por unha pista forestal e no primeiro desvío á esquerda cóllese cara ó Monte Gontón. Diriximos os nosos pasos cara o Miradoiro da Fernandiña para o cal enlazamos varias pistas forestais sempre xirando á esquerda. Dende este miradoiro natural, poderase gozar dunhas das máis fermosas vistas da enseada da Insua e do esteiro do Anllóns.

Descendemos do miradoiro e pasamos polo lugar coñecido como Castro ou Castelo de Borneiro. Está constituído polos restos dun castro aínda sen escavar que destaca pola grandeza do seu sistema defensivo. As lendas contan que nel vivían mouros que se comunicaban cos habitantes da Cidá.

Unha vez chegado ao lugar de Borneiro recomendamos tomar o desvío ata a reitoral e a igrexa de San Xoán de Borneiro. Esta dátase entre os s. XVI e XVIII. O seu retablo barroco é obra do imaxineiro local Juan Martínez e do seu fillo Ignacio, quen posúen tamén outros retablos e esculturas en varias igrexas da contorna.

Continuamos o descenso para cruzar a estrada AC-431 onde atopamos o sinal de capela do Briño. As súas orixes remóntanse ata o século  XVI, aínda que foi moi retocada no XVIII.

A seguinte parada é o centro Arqueolóxico Dolmen de Dombate. O Dolmen de Dombate, considerado como a catedral do Megalitismo de Galicia, está formado por sete grandes lousas verticais e unha cuberta formando unha cámara poligonal de 4 por 2’5 metros.

Unha das características máis importantes deste dolmen son os gravados rupestres policromados que existen na cara interior das lousas, diferenciándose varias formas xeométricas con rectas paralelas e oblicuas pintadas en negro e vermello.

Unha vez visitado o dolmen  diriximos os nosos pasos cara á última parada deste percorrido: o Castro A Cidá de Borneiro. Este é un poboado prerromano habitado entre os séculos VI a.C. e I d.C. É o único recinto castrexo escavado na Costa da Morte. Está rodeado por un foxo e dous muros defensivos en todo o seu perímetro, excepto no lado Leste onde só hai un por mor da pendente do terreo e o río que actúan como defensas naturais. As construcións, con predominio de planta redondeada, son todas de tipo doméstico, salvo as existentes no barrio exterior ou Barrio de Extramuros que presentan unha forma ovalada e tiñan unha posible función industrial para almacenamento e fundición de metais.

Tras a visita á Cidá podemos achegarnos ata Cabana e completar a xornada percorrendo o esteiro do Anllóns. Deste modo teriamos unha sesión moi completa onde se combina a historia coa arqueoloxía e o desfrute do medio natural nunha paisaxe de gran valor.

Este itinerario está sinalizado aínda que recomendamos usar o GPS pois perdéronse algunhas indicacións sendo doado saírse do camiño nos numerosos cruces.

 

 Acceso ao roteiro no noso perfil de wikiloc