Outra das alternativas para subir ata a cima do Monte Pindo con saída ao nivel do mar onde a praza da igrexa do Pindo.
Ao pouco de comezar atopamos numerosos muíños de auga e unha cova na que se refuxiaron os escapados da Guerra Civil.
A medida que ascendemos pasamos polo Castelo de San Xurxo e continuamos ata O Pedrullo, onde aínda se poden observar os restos das murallas que antigamente circundaban a construción primitiva. Logo de percorrer un pequeno treito chegamos ao “Chan de Lourenzo”, un espazo aberto onde se atopa o Xigante do Chan de Lourenzo e o que queda dunha explotación de volframio. Dende este lugar podemos divisar o cumio da Moa e continuar ascendendo ata a cima. Unha subida dura pero que merece a pena pola vista da paisaxe que podemos contemplar e a sensación de estar nun lugar máxico.
Nesta ruta descubriremos as formas sorprendentes que adoitan as rochas e a potencia dunha paisaxe de gran valor a pesar dos notables estragos dos incendios. Preto do cumio merece a pena facer un alto na fermosa área de descanso dotada con mesas de madeira.
Unha ruta perfectamente sinalizada que podemos culminar cun baño na praia de San Pedro unha vez descendamos ata o nivel do mar.
Podemos complementar a xornada visitando outro dos fitos do lugar: A Fervenza de Ézaro, o único río da Europa continental que desemboca no mar cun salto de auga. Este é un lugar moi visitado sobre todo nos meses de verán onde podes desfrutar do espectáculo audiovisual da Fervenza do Ézaro. Un espectáculo único, unha combinación máxica de auga, pedra, vexetación, luces, cores e música…
Outro lugar emblemático é o miradoiro de Ézaro, onde atopamos unhas vistas de infarto que acadaron moita popularidade nos últimos anos por ser final de etapa da Volta Ciclista a España.
Acceso ao roteiro no noso perfil de wikiloc