Esta é a ruta máis fácil para ascender ata A Moa. Transcorre en todo momento pola cara este do macizo, polo que ao chegar á cima a visión do océano é repentina e sorprendente. Comezamos na aldea do Fieiro e ascendemos por unha pista forestal ata entrar no monte por sendeiros empedrados. Continuando a ascensión chégase ao “Alto das Cortes”, dende onde se obtén unha panorámica da praia de Carnota. Continuamos e atravesamos os restos de antigas murallas e a zona de pastos de cabalos salvaxes xa próximos á cima. A Moa é o punto máis elevado do Monte Pindo, considérase un resto da denominada Superficie Fundamental de Galicia, que se formou fai uns 60 millóns de anos. Este impresionante domo cupuliforme ten unhas 200 pías.
Para regresar ao punto de partida desandamos os nosos pasos, sempre atentos a un posible resbalón. Que a beleza da paisaxe non faga que baixemos a garda tanto sobre o camiño como sobre a protección solar e as reservas de auga que precisaremos os días máis calorosos.
O Pindo é un monte mítico con moita historia, tanto antiga como contemporánea. Tristemente arrasado polos incendios tamén foi un lugar onde moitos veciños sobreviviron agochados da represión durante a ditadura. Estas historias poden ser contadas polos habitantes do lugar aos que merece a pena prestar atención e conversar con eles.
Unha vez rematada a ruta podemos continuar ao nivel do mar visitando os lugares de O Pino e Ézaro e achegarnos ao lugar onde o río Xallas desemboca en cascada no mar. Un fenómeno único eN toda a Europa continental.
Tamén debemos subir ata o miradoiro e deleitarnos coas estupendas vistas mentres lembramos o tremendo esforzo que fan os ciclistas para ascender por tremendas pendentes sen desfalecer.