X

Museo Aberto de Carnota

 

  • Percorrido: Lineal
  • Punto de partida/chegada: Rieiro – Miñarzo (Carnota)
  • Lonxitude: 13 km (ida)
  • Duración aproximada (ida e volta): 6 horas
  • Dificultade: media

 

Esta ruta transcorre ao longo de 13 quilómetros, a través dos cales podemos descubrir un total de sete espazos arqueolóxicos de distintas épocas e tipoloxías. Trátase de recursos de gran riqueza cultural repartidos polo territorio de Carnota, de aí a denominación de museo aberto. 

Comezamos a ruta visitando en Rieiro, na parroquia de San Mamede de Carnota, un grupo de petróglifos (Prousos Magos), distribuídos en dúas estacións, que, a pesar da súa proximidade, teñen unhas características moi distintas de emprazamento e composición de gravados. De aí desprazámonos á Laxe Escrita (Carnota, Santa Comba de Carnota), a cal ten unhas dimensións de 11 x 6 m. de superficie case plana e situada ao mesmo nivel do terreo, nunha ubicación diferente ás outras estacións xa que se trata dunha cota máis baixa. Continuamos na mesma parroquia desprazándonos aos petróglifos de Outeiro de Rego Lamoso,  os cales se sitúan sobre un cerro rochoso que destaca na contorna. A seguinte parada é o Castro de Mallou, poboado fortificado da Idade de Ferro, que pertenceu á tribo dos galaicos “súper tamáricos” ou do norte do río Tambre. Crese que puido estar en funcionamento entre os séculos III-IV a.C. e o I d.C. Continuamos o sendeiro ata chegar ao Filladouro (tamén en Mallou) outra agrupación de petróglifos de maior e menor complexidade. De aí desprazámonos ás Laxiñas, conxunto de gravados sobre un afloramento ubicado na ladeira dos montes de Carnota, que, quizais, sexan os máis espectaculares do concello. Por último, como recurso final desta ruta, temos que ir ata Miñarzo, na parroquia de Santa María de Lira, para coñecer a Torre dos Mouros, impresionante fortificación de inicios da Idade Media. Ten unha vista privilexiada de 360º que abarca dende Monte Louro (Muros) ata o Cabo Fisterra.

A visita de todos os recursos que oferta esta ruta permítenos facer un percorrido ao longo da historia, dende a Idade de Bronce ata os nosos días. A cota máis alta é de 300 m. coas incomparables vistas de Carnota que elo supón. Podemos ver o areal de Carnota, o Faro Fisterra, a ría de Corcubión e o Monte Pindo. 

Para poder descubrir os sete recursos podemos seguir a Senda Verde, unha ruta lineal de sendeirismo na que están sinalizados todos os accesos. Esta ruta permítenos combinar natureza, cultura e deporte en calquera momento. 

Tanto ao inicio como ao final da ruta, que se pode realizar en calquera dirección, atopamos dous espectaculares miradoiros como son o Miradoiro de Lira e o Miradoiro de Louredo.

Para descansar desta ruta intensa recomendamos rematar a xornada contemplando o solpor dende a praia de Carnota, a máis longa de Galicia, non sen antes visitar o afamado e espectacular hórreo de Lira.

 

 Acceso ao roteiro no noso perfil de wikiloc