A chegada ao mar do río Anllóns debuxa unha das imaxes máis espectaculares que podemos atopar na Costa da Morte. Contrariamente ao que temos máis na cabeza que asocia este territorio cos grandes cantís e o mar golpeando sobre eles, temos diante de nós un estuario calmo que verte as súas augas no mar creando un territorio de enorme riqueza paisaxística e medioambiental que temos a obriga de manter intacta.
Comezamos o noso percorrido na Casa natal de Eduardo Pondal, diante da que atopamos a ponte que divide os concellos de Ponteceso e Cabana, e que precisamente sería obxecto dalgún dos versos do poeta. Trátase dunha das moitas pontes/fronteira que atoparemos ao longo deste territorio e que nos servirán non só para sortear o río senón tamén para cambiar de concello. Pontes con moita historia como o de Lubiáns, o de Brandomil ou o de Ponte do Porto.
De volta á ruta en Ponteceso, dende alí arranca unha senda que nos levará ata o Malecón do Couto, con pasarelas de madeira perfectamente integradas na contorna que nos permiten pasear por unha Zona de Especial Protección para as aves. O sendeiro está delimitado por elementos vexetais que fan a nosa intrusión máis respectuosa e nos axudan a non interromper a vida das aves acuáticas que teñen aquí o seu territorio.
Se continuamos o sendeiro máis aló das pasarelas, atoparémonos aos pes do Monte Branco. Neste punto podemos iniciar o ascenso continuando pola senda do PG - 148 ata o porto de Corme. Pero nesta ocasión desandamos os nosos pasos cara o punto de inicio ata a Ponte para continuar remontando o Anllóns durante aproximadamente un quilómetro ata o final do camiño.
Unha ruta curta, accesible e completamente chaira nunha contorna moi particular que cambia a cada minuto pola influencia das mareas.