Ruta sinalizada como PR-G 114 (carreiro de pequeno percorrido) que transcorre por camiños e carreiros xunto ao mar. A primeira parte da ruta coincide coa de Punta Insua, desviándose desta na Rúa do Campo cara á Capela de Santa Rosa.
Iniciamos a ruta no Paseo Marítimo de Laxe, onde atopamos un panel informativo cos detalles da ruta. Desprazámonos polo pobo até a igrexa de Santa María de Atalaia, de estilo gótico mariñeiro.
Emprendemos o camiño do faro, pero ao chegar á Rúa do Campo tomamos o camiño con dirección á Capela de Santa Rosa. Neste elevado lugar podemos gozar de vistas panorámicas de Laxe e da ría.
Iniciamos o camiño cara á praia de Soesto na que podemos facer unha parada e descansar na súa área recreativa. A esta praia son moitos os surfeiros que acoden, pero debemos ter coidado se nos bañamos, xa que a auga presenta moitas correntes.
Retomamos de novo o camiño e cruzamos a ponte sobre o Rego de Soesto, a partir do cal podemos continuar por un entarimado de madeira. Chegamos a Punta do Catasol e de aquí ao monte O Castrallón e a Furna de Arnado, coa praia de Traba de fondo, así como os muíños eólicos de Camelle.
Xa na praia de Arnado emprendemos de novo o paso rumbo a Campo de Almozarro, área recreativa que convida de novo ao descanso no seu piñeiral. Retomamos o carreiro de novo até a praia de Traba, tramo xa final da ruta, coas dunas de fondo. Atravesamos o Rego do Vao por unha ponte de pedra e seguimos até pasar ante a Lagoa de Traba. Nela podemos facer unha pausa para observar as numerosas aves que a habitan (garzas, patos, gaivotas...). Por último, vemos a Pena de Mórdomo, o Rascalobos e a Pena Tallada, até chegar ao panel interpretativo da lagoa. Finalizamos esta ruta en Mórdomo.
Unha ruta que une un espazo urbano como a aldea de Laxe, onde tamén debemos visitar lugares emblemáticos como o faro e a praia dos cristais, cun dos lugares de maior valor ecolóxico da Costa da Morte: a lagoa de Traba. Para concluír a xornada podemos quedarnos na praia descansando e contemplando as espectaculares manobras de kite surf ou achegarnos até o próximo Camelle e redescubrir a figura de Manfred Gnädinger, Man, visitando o museo e xardín que lembra a súa vida e obra.