X

PRG-142 Ruta das fervanzas - Carballo

 

  • Percorrido: Lineal
  • Punto de partida/chegada: Brea – Entrecruces (Carballo)
  • Lonxitude: 18,6 km (ida)
  • Duración aproximada (ida e volta): 8 h.
  • Dificultade: Doada

 

Comezamos esta ruta nos arredores de Carballo, en Brea, lugar con fama polos seus panadeiros e panadeiras. Está sinalizada e tamén habilitada para realizar en BBT.

Con este trazado descubrimos o Carballo menos coñecido, o interior, repleto de montes e vales que van conformando a paisaxe. Polos sendeiros que forman parte desta ruta descubriremos tamén a vexetación autóctona e de ribeira. Se escollemos unha das variantes do camiño, chegaremos ao pazo barroco de Vilardefrancos, cuxa torre foi levantada na época dos Reis Católicos. Neste lugar tamén atopamos unha das árbores máis antigas de Galicia:  o carballo de Santo Antón con máis de 500 anos de vida.

Ademais, ao final do camiño atoparemos tamén a igrexa de San Paio de Entrecruces, cunha bóveda de crucería gótica que nos remonta a tempos medievais. Outras construcións de interese que descubriremos neste carreiro son as igrexas barrocas de Ardaña, a de Entrecruces e a de Santa María de Rus. Esta última é a máis importante dende o punto de vista artístico. Recomendamos subir ao alto da Peniqueira, no que a elevación que observamos delata a un antigo castro.

Os dous lugares máis espectaculares que atopamos na ruta son, como o seu nome indica, as fervenzas de Ramíl, menos alta e caudalosa, e a de Entrecruces, un espectáculo sobre todo en épocas de maior cantidade de auga.

É neste punto onde daremos por finalizada a ruta. Un lugar onde o río Outón, a unha altura de 40 metros, se precipita ao baleiro. Ademais, nos arredores de Entrecruces poderemos atopar restos de antigos muíños e dunha vella central hidroeléctrica que durante un tempo abasteceu enerxeticamente a Carballo.

Trátase dunha ruta totalmente integrada na natureza da contorna, a través da cal poderemos gozar dunha paisaxe única conformado pola auga e a vexetación autóctona. Ademais, descubriremos a cara menos coñecida de Carballo e igual de atractiva.

Debemos completar a nosa xornada en Carballo explorando a vila mentres descubrimos os grandes murais que conforman o proxecto “Derrubando Muros con Pintura”. Outra visita obrigada está na contorna de Razo e a praia e marisma de Baldaio onde atoparemos un dos ecosistemas máis ricos de Galicia e da Costa da Morte.

Unha xornada onde descubrir as tres caras de Carballo tan diferentes e complementarias: a interior, a urbana e a costeira.

 

 Acceso ao roteiro no noso perfil de wikiloc