X

PR-G 190 Ruta dos muíños da Ponte do Porto

 

  • Percorrido: Circular
  • Punto de partida/chegada: A Ponte do Porto (Camariñas)
  • Lonxitude: 4 km.
  • Duración aproximada (ida e volta): 1,5 horas
  • Dificultade: Doada

 

Outra ruta homologada no concello de Camariñas, ruta circular que pode facerse nos dous sentidos partindo do pobo A Ponche do Porto, ao que podemos chegar pola estrada AC-432 que une Vimianzo con Camariñas.

Empezamos esta ruta na área recreativa de Curros, cun miradoiro fluvial dende o que podemos observar a desembocadura do río Grande. Continuando o sendeiro, chegamos á Casa Moliño de Noia, onde a cambio dun imposto (maquila) os veciños podían usar os seus servizos. De novo, facemos unha parada noutra área recreativa, esta vez a de Penedo. Podemos facer un pequeno descanso tomando algo no Bar O Cabazo e mesmo observar as manobras dos pescadores xa que o río é coto de 2ª categoría de pesca de reo e troita.

Tras esta parada, emprendemos de novo o camiño até outro muíño, o de Sofía. Atópase en bo estado e á beira dunha represa con canles e derivación da auga. Un pouco máis adiante, o seguinte muíño desta ruta, o Muíño da Cota, con dúas salas de moenda e catro rodas. Ademais do muíño, podemos gozar da natureza que se atopa á súa redor, con especies de gran interese como o acivro, o fento real, o alavanco (ánade real), a galiña de río e a garza real.

Continuamos de novo o carreiro á beira do río, deixando ao noso paso a Ponte de Posiño, o cal non é necesario cruzar. Ao seu lado outra área recreativa e restos do Muíño de Abaixo. Chegados a este punto, se queremos podemos acurtar a ruta e ir directamente ás Barrosas, onde daremos fin á mesma. Pola contra, podemos seguir o carreiro cara á fonte de Pesqueira. Tras esta atopámonos unha nova ponte, a que esta vez si cruzamos para poder completar a ruta. Tras o seu paso observaremos a vexetación típica de bosque, alisos e salgueiros, entre outros. O último muíño desta ruta é o de Arriba, situado xa nas Barrosas, aldea pola que pasaremos a continuación. Entramos nesta pola Calzada Real, asentada sobre a vía romana Per Tola Marítima, que conectaba con Cereixo (Vimianzo) e Santiago de Compostela.

Xa para terminar esta ruta, podemos facer unha derivación até o conxunto da Insua, conxunto de vivenda, cuadra e hórreo na ribeira do río a uns 750 metros da praza. Finalizamos o percorrido de novo en A Ponte do Porto, na Praza de San Roque, onde podemos observar a igrexa do mesmo nome e a Ponte do Porto, construída na Idade Media, con catro arcos de medio punto, un deles algo apuntado.

Unha ruta sinxela e fluvial que nos afasta das grandes paisaxes abertas ao Atlántico para descubrir o lugar de A Ponte do Porto con moitos recunchos e edificacións con encanto. Ruta moi apropiada para realizar en familia explorando os numerosos muíños e pontes que balizan este curto e sinxelo percorrido.

 

 Acceso ao roteiro no noso perfil de wikiloc