Trátase dunha ruta sinxela, sinalizada como PR-G 70 (carreiro de pequeno percorrido), a cal percorre todo o litoral leste de Monte Insua até o Faro de Laxe e fai o camiño de volta a través da súa cara oeste até rodear a montaña.
Con este percorrido podemos visitar algúns dos lugares máis emblemáticos de Laxe á vez que sentimos a forza do mar e as paisaxes tan duras como fermosos da Costa da Morte.
A ruta iníciase no Paseo Marítimo de Laxe, onde podemos observar o panel informativo. De aí desprazámonos pola aldea até a igrexa de Santa María de Atalaia, de estilo gótico mariñeiro. Dende a aldea emprendemos o camiño ao faro, facendo unha parada no Miradoiro da Insua, onde contemplamos a paisaxe. Deixamos a estrada ao faro para penetrarnos no carreiro que dá a volta ao Monte Insua, o cal nos leva á vella canteira da que se extraeu a roca para construír o porto de Laxe.
Seguimos o noso camiño polo carreiro sinalizado até chegar á Furna do Asno, na que o mar rompe con gran forza no cantil. Continuamos o camiño até chegar ao momento máis alto da ruta, para a continuación ir perdendo altura sobre os cantís con dirección a Punta de Boi e Punta Insua.
Chegamos ao faro, lugar no que podemos facer un descanso e deleitarnos coas fermosas vistas do Miradoiro do Faro de Laxe ou de Punta Insua. Neste lugar debemos deternos a contemplar a escultura de “A espera”, unha homenaxe a todos os homes do mar e ás súas mulleres, que esperan impacientes a súa chegada a porto.
Continuamos de novo polo carreiro rodeando a vertente oeste e baixando por un tramo polo que debemos extremar a precaución xa que é rochoso, sobre a Furna da Espuma e a pedra dos namorados. Un lugar onde atopamos declaracións de amor esculpidas na roca onde destaca a realizada polo xeólogo Isidro Parga Pondal, sobriño neto do poeta Eduardo Pondal.
Tras pasar por Baleeira chegamos a un dos lugares máis coñecidos de Laxe: a praia dos cristais. Aquí podemos sorprendernos cos reflexos e o colorido dos miles de cristais pulidos que conforman a praia, pero debemos ter presente a necesidade de respectar o lugar e non meter ningún no peto.
Dende este punto, e pasando polo orixinal cemiterio, volvemos de novo ao cruzamento do Miradoiro da Insua e ao centro de Laxe.
Finalizamos a ruta paseando polo paseo e praia de Laxe onde os máis veteranos recoñecerán o famoso “Portozás” da serie da TVG Mareas Vivas. Tanto a praia de Laxe coma a próxima de Soesto son ideais para completar a xornada, así como visitar e observar o complexo e as aves acuáticas que aniñan na lagoa de Traba.