X

Ruta Sendas do Mar. De Razo a Baldaio (Carballo)

 

  • Percorrido: Lineal
  • Punto de partida/chegada: Porto de Razo. Praia de Baldaio
  • Lonxitude: 5,5 km
  • Duración aproximada (ida e volta): 2,40 horas
  • Dificultade: Doada

 

Carballo ofrécenos o contraste que nos acompañará durante toda a nosa estancia na Costa da Morte, do interior dos ríos e bosques mestos e verdes, pasamos a unha costa dura e ventosa. Pero non hai nada como chegar ao areal que conforma a costa entre Razo e Baldaio para facerse unha idea do que é unha praia inmensa e salvaxe.

Estamos diante dun dos paraísos dos surfistas en Galicia. Percorrer os seis quilómetros que nos leva ir de Razo a Baldaio será unha empresa que deberemos acometer aos poucos e de vagar, porque camiñar sobre a area fina é bastante cansado. Pero as mulleres da zona asegurarán que non hai nada máis saudable que “andar á salseira”, que é o que fan moitos veciños da zona durante todo o ano.  Poderemos comprobar como calquera día do ano se suceden ducias de parellas e de persoas que en solitario gozan sobre un areal ante a inmensidade do océano.

Os nosos pasos levarannos ata a lagoa de Baldaio, que queda escondida ás nosas costas polas dunas que se levantan sobre a praia. Este será o noso camiño de volta, gozando das vistas case lunares que nos ofrecen as dunas, a súa vexetación e a lagoa de marisma, que conforman un espazo natural de interese comunitario e zona de especial protección para as aves.

Unha vez rematada a ruta podemos decidir entre proseguir polos sendeiros e calas que nos levarán ata Caión ou permanecer no espazo de Razo, onde descansaremos e desfrutaremos dalgún dos establecementos de restauración cos que conta a zona, especialmente concorridos en verán, cando o areal se enche de surfeiros pero tamén de turistas que veñen desfrutar dun mar bravo que esconde a esencia mesma da Costa da Morte.

Un lugar con moitas opcións de actividades e descubrimento de fenómenos naturais como praias fósiles, marisma, observación de aves e dunas. Existe un percorrido auto guiado con códigos QR así como numerosos paneis informativos que facilitan a interpretación do lugar enriquecendo a visita. Lugar de referencia para a práctica do surf onde podemos pasar unha xornada completa de praia combinada co descubrimento dun fascinante espazo natural.

 

 Acceso ao roteiro no noso perfil de wikiloc