X

Ruta da Insua (RC-1) - Camariñas

 

  • Percorrido: circular
  • Punto de partida/chegada: Praia de O Ariño (Camariñas)
  • Lonxitude: 3,5 km.
  • Duración aproximada (ida e volta): 1 hora
  • Dificultade: Doada

 

Esta ruta debe o seu nome ao Monte da Insua, o cal separa a Enseada da Basa da desembocadura do Río Grande. O camiño discorre en todo o seu trazado pola pista de terra do litoral pero, se temos marea baixa, tamén o podemos facer pola area.

A ruta iníciase na praia e área recreativa de O Ariño (Camariñas), zona con aparcadoiro, duchas, baños, bancos, mesas e asadores, polo que podemos gozar dun tempo de descanso antes de comezar a ruta.

Nesta zona podemos observar o traballo das mariscadoras de Camariñas. Continuamos o sendeiro até chegar á seguinte praia, Rego dos Coiros, praia de areas finas e brancas dende a que podemos observar a outra beira da ría.

A terceira praia que forma parte desta ruta e a nosa seguinte parada, é a de Ariña Branca. Unha praia resgardada, de augas tranquilas e rodeada de piñeirais. Emprendemos de novo a marcha tomando un desvío á dereita, ascendendo uns 100 metros até o Alto dá Insua. É o punto máis alto da ruta e o que nos ofrece unhas vistas panorámicas da entrada da ría, o porto deportivo e pesqueiro de Camariñas, as praias de Lingunde e Area de Vila e patrimonio diverso como a Ermida da Virxe do Monte.

Seguindo polo camiño principal, atopámonos cos restos dunha antiga mina de wolframio (Mina Amparo). Este mineral tivo un alto valor no século pasado polo seu uso para a fabricación de armamento na Segunda Guerra Mundial. Tras tomar unha desviación da ruta, chegamos a fonte Agramar, fonte natural que nace ao bordo do mar estando en preamar en contacto coa auga salgada. Como punto final desta ruta, chegamos á desembocadura de Lamastredo. Enlazaremos coa estrada de acceso a O Ariño e nunha derivación de ida e volta, iremos parar á desembocadura deste río, dende o que poderemos contemplar o Pazo de Paxariñas (construído no século XVI en San Pedro de Ponche en Dor, onde aínda continúan o pombal e a capela). Neste tramo final da ruta, zona da ría tamén chamada Vatel, poderemos gozar da actividade dos bancos marisqueiros.

Unha ruta ideal para gozar en grupo ou en familia, cunha área recreativa na que pasar parte do día e diversas praias nas que facer paradas para darse un baño, se o tempo o permite, ou gozar do son do mar nunha contorna tranquila. Destaca a coidada e equipada área recreativa de O Ariño e sobre todo a posibilidade de observar o duro traballo das mariscadoras.

 

Acceso ao roteiro no noso perfil de wikiloc