X

Ruta fluvial de Baio. Zas

 

  • Percorrido: Lineal
  • Punto de partida/chegada: Baio – Dolmen de Pedra Vixía 
  • Lonxitude: 3,8 km. (ida)
  • Duración aproximada (ida e volta): 1 h. 30 min.
  • Dificultade: Doada

 

Iniciamos esta ruta en Baio desde onde tomamos o paseo fluvial con dirección cara á Carballeira Municipal. Neste punto poderemos observar as retortas formas que tomaron os troncos destas árbores dándolle un aire misterioso a este lugar. Isto non quita que tamén sexa un lugar ideal para descansar. Emprendemos de novo o camiño bordeando o río Grande por un tramo que nos permite observar a beleza paisaxística desta contorna e contemplar os illotes rochosos do río, algúns unidos por pasarelas de madeira.

O carreiro dá paso a un tramo asfaltado (por diante do instituto e até chegar ao campo de fútbol) tras o cal atoparemos un muíño que a día de hoxe continúa en funcionamento. Volvemos de novo á estrada até chegar á comarcal que une Baio e Zas. Cruzamos o río Grande e tras desviarnos á dereita chegamos á área recreativa de Pedra Vixía. Esta sitúase nun lugar ocupado antigamente por un serradoiro. É o punto adecuado para facer unha nova parada e gozar deste lugar, no que as pontes nos convidan a ser cruzadas e o espazo a ser explorado. Se continuamos remontando o río atoparémonos con varios saltos de auga e muíños até chegar aos restos pétreos da Pedra Vixía. Un dolmen que marca o punto final da ruta e dende onde poderemos regresar a Baio realizando o percorrido á inversa bordeando o río Grande.

Unha ruta ideal para gozar da natureza e o aire libre, do son do río e das súas pontes e pasarelas. Non debes perderte o muíño en funcionamento na área recreativa de Pedra Vixia.

Dende Bamio podemos explorar o territorio de Zas e propomos descubrir os traballos realizados pola asociación Amigos do Liño recuperando instrumentos, ferramentas e vestimentas realizadas con este tecido. Se continuamos con ganas de camiñar debemos realizar a recentemente homologada Ruta da auga de Zas.

 

 Acceso ao roteiro no noso perfil de wikiloc