X

Ruta San Guillerme e Faro de Fisterra

 

  • Percorrido: Lineal
  • Punto de partida/chegada: Porto de Fisterra
  • Lonxitude: 4,00 km (ida)
  • Duración aproximada (ida e volta): 2 horas
  • Dificultade: Media

 

O Faro de Fisterra, o fin do mundo, é o punto final de moitas rutas e peregrinacións. Esta ruta ten como destino un dos lugares máis emblemáticos da Costa da Morte e de Galicia. É unha ruta curta, pero hai que ter en conta os tramos de pronunciada subida dende o momento que saímos de Fisterra até a cima do monte.

Parte do porto bordeando a liña de costa en dirección ao Castelo de San Carlos, fortificación do s. XVIII, continuando despois até a Igrexa de Santa María das Areas.

Despois de visitar dita igrexa, comeza a subida ao Monte San Guillermo, collendo unha desviación a man dereita, a uns 100 m. da igrexa. Segue a subida por camiños forestais, onde os principais desvíos están sinalizados. Chegamos ao Monte San Guillermo, dende o que se divisa unha das vistas panorámicas máis fermosas da Vila de Fisterra e dos seus mares. Neste lugar cóntase que estivo emprazado a Ara Solis, un templo prerromano cun marcado e profundo culto ao Sol. Estamos nun dos puntos máis emblemáticos do Camiño de Santiago.

Continuamos o ascenso até atopar a pista asfaltada que sobe ao Monte Facho. Ao final desta pista continúase por outra de terra que nos leva ás Pedras Santas, onde podemos observar outra espectacular panorámica de Fisterra e o seu istmo.

Cando comezamos a baixada irémonos achegando paulatinamente ao Faro e ao momento final da nosa ruta. Neste lugar podemos recrearnos coa súa espectacular posta de sol e contaxiarnos do bulicio dos moitos peregrinos e excursións que abarrotan as inmediacións do faro e os cantís próximos. Neste punto tamén podemos atopar aos camiñantes que culminan o Camiño dos Faros, na última etapa da praia de Nemiña.

A forma de regresar máis rápida é descender pola ladeira da pista que conecta Fisterra co Faro onde podemos utilizar o carreiro peonil que separa aos camiñantes dos coches e permite realizar o paseo de forma segura.

Podemos completar a xornada en Fisterra gozando da gastronomía onde destaca o marisco e mesmo realizar un percorrido nun dos barcos  turísticos que saen do porto.

Outra proposta é gozar dunha sesión de praia no próximo areal de Langosteira onde poderemos observar o paso dos peregrinos tranquilamente instalados na area.

 

 

 Acceso ao roteiro no noso perfil de wikiloc