A ruta iníciase en Camelle, no Museo de Man e Xardín de Man. É o nome do Museo de Manfred Gnädinger, máis coñecido como “Man”, artista cuxa obra é considerada por moitos como o máximo expoñente do Land-Art. Tras visitar o museo, iniciamos a ruta cara a Arou, aldea cunha fermosa praia e porto. Emprendemos de novo o camiño cara outro lugar, o Porto de Santa Mariña, onde descubriremos artes de pesca tradicional. Tras visitar o porto, continuamos a ruta deixando ao noso paso a duna Monte Branco, única en Europa polo seu carácter rampante de 204 metros de altura (a máis alta de Europa). Chegamos á praia de Trece, praia virxe coa maior colonia de caramiñas de Galicia.
Debemos facer unha parada obrigada no camiño para ver as vistas panorámicas de Trece e Monte Branco. Dende aquí chegamos a un punto emblemático e famoso desta ruta, o Cemiterio dos Ingleses. Nel están enterrados os mariñeiros mortos no naufraxio do buque inglés The Serpent, en 1890. Este cemiterio inclúese no Itinerario Cultural da Unión Europea dos Cemiterios Singulares.
Ao longo deste camiño tamén gozaremos de restos arqueolóxicos como a parada na mámoa de Reira e outras esculturas de tipo natural como a Pedra do Oso. Tamén deixaremos no camiño o foso dos lobos, construción cuxo fin era dar caza a estes animais.
Recomendamos desviarse do camiño principal 1 quilómetro para chegar até Cabo Vilán e o mítico Faro Vilán, inaugurado en 1896, e o primeiro faro eléctrico de Europa. Ademais, nel sitúase o Centro de Interpretación de naufraxios e sinais marítimos da Costa da Morte.
Moi próximo a Cabo Vilán, atopámonos cos denominados “Vilán de Fora e Furna dos Infernos”. Vilán de Fora é un illote declarado Zona de Especial Protección das Aves, xa que nel atópanse especies protexidas e en perigo de extinción en Europa como a gaivota tridáctica (rissa tridactyla) e o arao común (uria aalge) de España. Emprendemos de novo a ruta e é necesario desviarse uns 500 metros para visitar a ermida da Virxe do Monte, situada nun enclave cunhas vistas espectaculares de parte da ría de Camariñas e de Muxía.
Xa no tramo final da ruta pasamos pola praia de Lago, para chegar ao Castelo do Soberano en Camariñas, castelo do século XVIII do que actualmente só quedan os cimentos e parte das murallas.
Non debemos deixar de completar a ruta coa visita ás artesanías téxtiles máis importantes de Galicia, o encaixe de Camariñas. Outra visita recomendable atopámola no Museo da Conserva. A “Conservería de 1884” constitúese como o primeiro espazo museístico da industria conserveira en Galicia cunha exposición permanente dentro do complexo de Industrias Cerdeimar.
En definitiva, unha ruta que combina a espectacular paisaxe da Costa da Morte, coa riqueza natural, cultural e gastronómica deste destino. Ademais, coincide co trazado da etapa 5 do Camiño dos Faros que une Arou con Camariñas.