CARACTERÍSTICAS TÉCNICAS:
Quilómetros totais: 43 quilómetros.
Accesos en vehículos: Dolmen de Dombate, Pedra Vixía (por pista de terra), Mina de Recesindes.
Acceso a pé:
A nosa ruta comeza por un dolmen pouco coñecido, pero que se atopa entre as grandes antas da Costa da Morte. Trátase da Pedra Vixía, escondida no interior dun piñeiral, na parroquia de Lamas, no Concello de Zas. A pesar de que na década de 1950 un veciño tratou de aproveitar as súas pedras para construción dunha casa, aínda conserva bastante ben a súa estrutura orixinal e impresiona o tamaño das 7 laxes da cámara. Moi preto, localízase tamén a área recreativa de Pedra Vixía, un espazo de lecer de grande interese medioambiental e etnográfico situado ao carón do río de Zas.
A seguinte parada lévanos á considerada catedral do megalitismo galego, o dolmen de Dombate. Esta anta, cantada polo bardo Pondal, é unha das mellor investigadas a día de hoxe É o único monumento megalítico na Costa da Morte que conta cun centro de interpretación para acoller aos visitantes. Dombate impresiona polas súas dimensións, pero tamén pola súa extraordinaria conservación cunha cámara e corredor practicamente íntegros e un conxunto de ídolos antropomorfos colocados de pé gardando a entrada da tumba. Porén, o elemento máis espectacular é o conxunto de pinturas do interior que os visitantes poden apreciar nunha maqueta a tamaño real situada no centro de interpretación.
Desde Dombate dirixímonos a outra anta totalmente diferente. A poucos quilómetros, no lugar do Aprazadoiro, no concello de Laxe atopamos a Fornela dos Mouros. O seu pequeno tamaño e a súa peculiar forma de caseta fan pensar que se pode tratar dun dolmen xa tardío, non do neolítico senón dos inicios da Idade do Bronce, no segundo milenio a. C.
A seguinte etapa da ruta é un dolmen igualmente singular situado no concello de Vimianzo, a Mina de Recesindes. Conserva a súa mámoa monumental pero o detalle máis singular é a disposición das lousas verticais da súa cámara, traballadas ao milímetro para encaixar unhas con outras sen deixar un mínimo oco entre elas.
Continuamos polo concello de Vimianzo ata chegar á Arquiña de Vilaseco, preto do lugar do mesmo nome. Ao carón mesmo da estrada atopámonos unha das mámoas de maior tamaño da Costa da Morte. O seu interior acolle un dolmen, case intacto, do que afloran algunhas pedras na parte superior.
A última etapa condúcenos ao lugar de Berdoias, desde o núcleo, camiñando uns 700 metros por un sendeiro entre fincas de labor, mesmo ao carón do camiño aparece a silueta inconfundible da Casota de Freáns. Trátase un dolmen atípico, de características similares á Fornela dos Mouros e que puido ser construído cara inicios da Idade do Bronce. No seu interior pódense ver gravados de cruces e cazoletas. Ademais, non moi lonxe seguindo unha ruta circular de sendeirismo podemos visitar os petróglifos do Pedrouzo.