O fío condutor desta ruta é a auga, xa que iremos descubrindo varios muíños ao seu paso e fermosas fervenzas. Ademais, a ruta discorre por un medio rural caracterizado pola riqueza xeolóxica e natural dos seus montes, nos que se poden observar a flora e a fauna da zona.
Ao longo de antigos camiños recuperados e sendas de ribeira atoparemos, ademais dos muíños, fervenzas, flora e fauna xa mencionadas, un batán, hórreos, abellarizas, mámoas e un castro, elementos que aportan valor a este sendeiro, así como momentos para facer paradas e desfrutar destes recursos.
Tras saír da Ponte Sisto, no primeiro tramo da ruta descubriremos ata 6 muíños diferentes. Tras estes, emprenderemos o sendeiro rumbo á fervenza de Budián. Cinco muíños atópanse na contorna desta fervenza. O río da Fervenza, de Budián ou do Muíño Vello, ten que salvar, neste punto, un desnivel, duns40 metros nun treito de medio quilómetro, polo que son frecuentes os cadoiros. Tras descubrir esta fervenza, e facer a obrigada foto sentados no banco a carón da fervenza, retomaremos o camiño pasando pola aldea de Budián, con dirección á fervenza de Parga.
Antes de chegar, pasaremos pola aldea do mesmo nome e cando esteemos xa preto dela, descubriremos un novo muíño e un batán. Conta a lenda que nesta fervenza afogouse unha rapaza pola tristura de non poder estar co seu amado e que o mozo foise e nunca máis volveu. Por iso, nas noites de lúa chea, cando o caudal é atronador, aínda se escoita á moza chamar polo seu namorado. Merece a pena facer unha parada neste paraxe antes de emprender a marcha rumbo á última fervenza desta ruta, a de Rabiñoso, atopando neste caso dous muíños próximos a ela. Esta fervenza está rodeada por un espeso bosque de ribeira e na súa contorna vese unha vella pontella de laxes.
Emprendemos de novo a nosa andaina xa cara o punto de saída, a Ponte Sisto, coincidindo o último tramo deste sendeiro co inicial. Unha ruta recentemente homologada onde atopamos un camiño en perfectas condicións así como unha completa sinalización.
Unha ruta totalmente inmersa nunha contorna natural na que a auga é a protagonista. Escoitaremos o seu son ao longo de todo o camiño, especialmente nas paradas nas 3 fervenzas que a conforman, onde a caída da auga deleitará os nosos sentidos, especialmente o da vista e o do oído.
Podemos completar a nosa xornada no concello de Zas cunha visita ao lugar de Baio onde descubriremos a máxica carballeira municipal e a próxima área recreativa de Pena Vixía.