Ruta de sendeirismo perfectamente sinalizada que conecta os lugares de Berdoias e Boallo co seu interesante patrimonio histórico, etnográfico e arqueolóxico.
Son dous sendeiros circulares conectados por un camiño de ida e volta, o que facilita diferentes opcións para facer a ruta: só a parte de Boallo, só a de Berdoias, ou ben toda a ruta completa.
Comezamos na igrexa de San Pedro de Berdoias e entramos no núcleo para desviarnos costa arriba cara o monte buscando os petróglifos de Pedrouzo. Bordeamos o monte para regresar cara Berdoias pasando polos restos arqueolóxicos da Casota de Freáns, perfectamente visible ao pé do camiño, e a mámoa de Freáns, oculta pero cun panel informativo.
Atravesamos o lugar de Berdoias e poñemos rumbo ata Boallo, non sen antes apreciar os múltiples exemplos de arquitectura popular nas casas, eiras, muíños e pombais.
Antes de chegar a Boallo pasamos polas carballeiras de Chavín e San Roque e pola capela do mesmo nome.
Unha vez rematada a ruta podemos regresar ata Berdoias, iso si, cun mellor coñecemento do patrimonio arqueolóxico e da arquitectura popular deste lugar.
A visita a Vimianzo debe continuar coñecendo outros referentes como son o famoso castelo onde se celebra unha das festas máis orixinais da Costa da Morte. O asalto, onde se rememoran As Guerras Irmandiñas. Outra alternativa é a visita da ruta declarada como Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba.