X

Eu son a Moura da Costa da Morte, a túa guía nesta experiencia desde o corazón urbano de Bergantiños ata o mar das Sisargas onde visitaremos o municipio de Carballo.  

O noso itinerario levaranos polo municipio de Carballo, o celme da terra de Bergantiños, onde poderemos gozar das súas rutas de natureza e paisaxe coa auga como protagonista: praias, ríos, lagoas e marismas…

Pero se queres coñecer a fondo esta zona de Galicia, recoméndoche visitar o Museo de Bergantiños, un edificio do século XIX onde poderás coñecer a historia do municipio de Carballo, de toda a comarca e da Costa da Morte en xeral. Ademais, no Edificio Fórum poderás contemplar unha interesante colección de obras de artistas nacionais e internacionais.

Durante a nosa estancia poderemos aproveitar para acercarnos á capela de San Paio de Entrecruces, unha das máis antigas do municipio, ademais de visitar un elemento singular do patrimonio natural galego: o Carballo de Santo Antón, que está incluído no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.

Carballo é tamén un lugar rico en patrimonio inmaterial. De feito, na parroquia de Aldemunde consérvase unha das lendas máis antigas de Galicia. Trátase dun relato sobre o Dolmen da Pedra Moura, unha narración que precisamente fala sobre min: un ser mítico con aparencia de muller, con gran forza e máxicos poderes.

Convídote a vivir esta experiencia pola #CostadaMorte e a coñecer estes lugares coa información que tes dispoñible nesta ligazón.