X

DÍA 5. Co Padre Sarmiento pola Costa da Morte II

A proposta para hoxe pasa por Muxía, Malpica, Carballo e A Laracha.

A primeira parada será Muxía, pasando polo Mosteiro de Moraime ata chegar á vila e á Virxe da Barca. O Padre Sarmiento narrou este percorrido en Viaje a Galicia (1745):

"O domingo 15 de agosto dixen misa no priorado e fun visitar o santuario da Nosa Señora da Barca, distante media legua do tal priorado de Morayme, a onde volvín comer e durmir. (75v.) De Moraime ao areal da Retorta, ou dos Muíños. Muxía e o seu areal. Hai unha batería con seis canóns no chan para defender o seu porto e a ría, que tamén se reparte a Camariñas, que está na parte oposta na ría, distante unha legua.

Nosa Señora da Barca. É unha boa ermida ou igrexa posta como nun promontorio moi perto de Muxía, seguindo a costa ao occidente, pero onde bate o mar bravo sen achego nin abrigo algún.

As penas nas que bate o mar bravo están calladas dun tipo de cunchiñas, ou casulos de sementes de cunchas, v.g.: mexilóns, lapas, percebes, e serán como uns garvanzos pero pegados naturalmente ás penas. A estes marisquiños chaman en Portonovo "arneste", e alí hai pedras con el a eu vinas na illa do Tambo (76 r.) e creo cara a Noia, "arneiron", etc”. (…)

A pedra, que chaman "barca" é imaxinación, e cousa vergoñenta chamar a outra "vela", e a outra "timón". Son penas, como outras infinitas, que hai na costa, e representan á imaxinación varias figuras, que non teñen. Se a que se chama "barca" se move, non o fixo cando a vin, o mesmo que se movera nin a imaxinaría "barca" nin tampouco milagre, pois nai no padre Zahn, e noutros, noticia de varias penas que, con tal dirección, móvense a fácil impulso, e con tal non se moven nin poden mover.

A imaxe de Nosa Señora terá unha vara en alto, é moi fermosa e pulida, pero moi moderna (77v.) a penas terá 150 anos de antigüidade. Eu acreditarei que algún de Muxía perigou, ou estivo a piques de perigar, ou naufragar, e que, téndose encomendado á Nosa Señora, se liberaría, na memoria farúase alí a ermida, e a, imaxe da Nosa Señora nun barco, como que lle está librando e gobernando o barco”.

Por esta razón todos e en especial os mariñeiros, teñan devoción coa Santa Imaxe, respice stellam, voca Mariam, e se deixen inventar misterios que non hai. (...) Volvín o mesmo día 15 de agosto a Moraime onde durmín".

Precisamente na rúa da Marina, en Muxía, vivira Rosalía de Castro en 1853. Nese lugar chegaríalle a inspiración para escribir varios poemas sobre a Romaría da Virxe da Barca, que publicaría en Cantares Gallegos (1863).

 

"¡Bendita á Virxe da Barca,

Bendita por sempre sea!

¡Miña Virxen milagrosa,

En quen tantos se recrean!

Todos van por visitarla,

Todos alí van por vela

Na sua barca dourada,

Na sua barca pequena,

Donde están dous anxeliños,

Dous anxeliños que reman.

Alí chegou milagrosa

Nunha embarcaçon de pedra".

A obra de Gonzalo López Abente, poeta natural desta terra, está tamén relacionada con Muxía.

Deixamos atrás esta localidade para encamiñarnos cara á vila mariñeira de Muxía despois de visitar de Malpica, na que visitaremos a poboación e o porto, coas Illas Sisargas de fondo.

Así a describiu o Padre Sarmiento Viaje a Galicia (1745), protagonista do noso itinerario:

"Malpica. É unha península, como pena na que está a vila, e ten ao oriente un pequeno areal que é o porto, e outro máis grande que mira ao norte, que ten por punta oriental ao propio lugar de Malpica. E o occidental é a illa de Sisarga, que emparella co continente, pero de xeito que entre el ela podan pasar navíos de liña, pero non pasan.

A illa Sisarga é só unha en si e longa de norte a sur, pero en mareas baixas son tres, ou parecen. E todas terán de circuito dúas leguas e media. O areal menor (71 r.) ou o porto está entre a punta Castelo, e a Atalaia, que está sobre o promontorio onde está a Vila de Malpica".

En Viaje a Galicia (1745)

Saíndo de Malpica e en dirección á Laracha, atoparémosnos co litoral de Carballo, do que tamén falaba este autor. Como punto importante destaca o Complexo Dunar Razo-Baldaio:

"Enseadas desde A Coruña

Orzán. San Pedro de Bisma, Lagosteiras, Surrizo, Caión, Val de Valdaio, Lema. Razo, Malpica.

Lugares desde A Coruña:

San Pedro de Bisma, Lagosteiras, Sorrizo, Caión, tres leguas. Leira. Imenda. Noicella. Lema. Razo, Aviño, Malpica (71 v.)".

De acordo co que contan no municipio, o Padre Sarmiento tamén estivo nos lugares de Carballo, Vilar de Carballo, igrexa de Oza e Cances seguindo o Camiño Real. Se dispós de tempo, recoméndoche visitar eses puntos.

En plena rúa dos viños de Carballo tamén está a casa de Alfredo Brañas, na actual Taberna O’Mexillón.

Para rematar a xornada, podes dirixirte cara ás terras de A Laracha, onde podes coñecer dous dos lugares dos que fala o Padre Sarmiento: o mosterio de San Pedro de Soandres e a vila de Caión. E xa que estás en Caión, por que non te quedas e gozas da posta do sol?

"O día 12 mércores saín para Soandres (...). Na venda divídense dous vales. O da dereita chámase Val de Mis, que baixa á enseada de Caión, distante dúas leguas e media, e ao principio o lugar Buedo. E á esquerda o Val de Bregoa, Vista Alegre. Millarada, Curros. Borreiros. Curuxeira. Soandres, priorado de San Martiño de Santiago (...).

O priorado foi Mosteiro. A igrexa está moi maltratada, pero antiquísima, e coñécese que fora edificada coas pedras das ruínas dalgún edificio dos xentís segundo os sinais que teñen aglgunhas pedras, que están na escada e noutras partes.

 

Tendo lido eu no Catálogo das pías do Arcebispado de Santiago, que está na cámara de San Martiño, e fíxose no ano de 1604 que en Soandres ao pé da epístola había esta inscrición: I.O.M. HERKVLI  IONICO

E que por visita mandárase picar por ser de xentís. Rexistrei ese lado e aínda se recoñece a picadura (69 r.) e que se cubriu de cal e enlamou. Notei que moitas pedras da igrexa teñen unha ou dúas letras, xa góticas ou romanas. A un cuarto de legua ao norte está o Castro de Santa Baia, e din os naturais que alí houbo un castelo moi forte e arredor vai un regato que chaman Cetrúas, ou Xetrúas e é o que se xunta ao río grandiño dos Muíños e todos van á ría de Cándoas (Laxe e Corme) ou á ponte do Ceso ou a Ponte Ceso".

En Viaje a Galicia (1745)