X

Festa da Carballeira 2017

Festa da Carballeira 2017

Desde sempre Galicia foi un pobo de romarías, de festexos cheos de relixiosidade popular; pero, na medida en que a relixión perde protagonismo, moitas das celebracións modifícanse, outras se perden, e noutros casos aparecen outras formas civís de liturxias:
En Zas, no último domingo de Agosto celébrase a Festa do Santísimo Sacramento, desde tempos inmemoriais.

Fai aproximadamente corenta anos, homes do lugar baixaban ese día a merendar á beira do río baixo o amparo dos carballos. Levaban polbo, viño, sardiñas, pan de millo,? todo amenizado polos de Montouto, grupo de gaitas das terras do Xallas, -nin que dicir ten que as mulleres estaban ausentes, pois a súa honra poñeríase en dúbida-. Á noitiña volvían ao centro de reunión colectivo, a Praza do Campo, para continuar con festexos ?oficiais?.

Xa normalizada esta actividade empezaron a xurdirlle trabas: o diñeiro, pero sobre todo, os donos das terras que eran pisadas impediron que durante anos fose posible. Afortunadamente, dous anos antes da constitución da A.C. Castro-Meda, futuros dirixentes dela asumiron a directiva da Comisión de Festas do pobo e retomaron o costume de baixar o día do Santísimo Sacramento, pola tarde, á Carballeira do Souto, co propósito de poder merendar acompañados de músicas tradicionais; corrían os mediados 80 e xa se igualaba a porcentaxe de ambos os sexos.

Así, no ano 1986 nosa asociación organiza este evento, e a Comisión de Festas o resto do día (aínda compatibilizábanse algúns cargos). Mantivemos a celebración tal e como a herdamos ata que, de novo, xurdiron obstáculos: outra vez queixáronse os donos das terras, e -como a medida que se incrementaba a celebración na Carballeira, diminuía a relevancia dos actos relixiosos-, convertémonos en competencia directa da Comisión de Festas.

Por todo isto cambiamos de escenario e as datas algúns anos, e decidimos realizala na Carballeira de Velar o primeiro sábado do mes de Agosto? e así levamos xa bastantes anos. O noso obxectivo, por aquel entón, era poder gozar dunha tarde á beira do río, con músicas e bailes populares, tradicionais e evolucionados; á vez que se degustaban produtos típicos da terra; e gozar do ambiente xerado. É evidente que a organización, os grupos participantes, os metros cadrados ocupados?, e o esforzo esixido fóronse variando e incrementando co devir dos anos, pero o noso obxectivo inicial seguímolos mantendo, continuando tan atractivo como outrora.

http://www.festadacarballeira.com

Arquivado en:

Festas e ferias Festas e gastronomía