X

O castro das Barreiras comeza as visitas ás escavacións abertas ao público

O castro das Barreiras comeza as visitas ás escavacións abertas ao público

O IES Pedra da Aguia da Ponte do Porto (Camariñas) inaugurou este luns as visitas escolares ao castro das Barreiras. Con moita ilusión e curiosidade, tras ter traballado os contidos na clase, o alumnado de 1º da ESO foi recibido polo director do proxecto, o arqueólogo Ángel Concheiro. El mesmo foi o guía que os introduciu na cultura castrexa percorrendo diferentes espazos do xacemento, como o foso, a muralla e finalmente a escavación.

“Abrir as Barreiras”, o nome do plan de divulgación do gran castro do Val de Vimianzo, resume a intención principal deste proxecto impulsado polo ente municipal. Durante todo o tempo da escavación, que previsiblemente se poida alongar un pouco máis debido ao mal tempo, os centros escolares da comarca visitarán estes traballos da man dos propios arqueólogos. Non só é para o alumnado, senón que tamén se abren as tardes ás asociacións culturais que queiran coñecer de primeira man os achados que se producen no castro das Barreiras.

Xa para o público xeral convócase unha primeira visita ao xacemento para este venres ás 17h (en horario laboral, xa que o que se visitan son as propias obras). Quen queira gozar desta oportunidade debe inscribirse previamente a través do correo electrónico turismo@vimianzo.gal ou ben chamando ao 981 716 001 en horario de mañá. Para seguir todas as novidades o castro das Barreiras conta con dúas redes sociais (facebook e instagram) e a web www.vimianzo.gal/castrodasbarreiras