X

O Concello de Vimianzo adquire a propiedade do dolmen de Pedra Cuberta

O Concello de Vimianzo adquire a propiedade do dolmen de Pedra Cuberta

O dolmen de Pedra Cuberta está situado a carón da aldea de Pedra Cuberta na parroquia de Treos. Este dolmen foi escavado no ano 1933 polo matrimonio Leisner deu a coñecer internacionalmente a decoración pictórica existente na parte interna dos ortóstatos da cámara e o corredor. Os debuxos do dolmen, en branco e negro, amosan formas complexas, con liñas en zigzag, triangulares, verticais e con motivos ondulados. É, sen dúbida, un dos máis importantes monumentos megalíticos do noso país.

O alcalde, Manuel Antelo, mostra a súa satisfacción pola compra deste importante ben e anuncia que nun breve prazo de tempo o Concello deseñará un plan de posta en valor do monumento. Ao mesmo tempo o alcalde quere agradecerlle aos anteriores propietarios a boa vontade e as facilidades coas que se desenvolveu a negociación da compra e tamén que, grazas a eles e á súa familia, este importante monumento megalítico chegou até aos nosos días.