X

Día 1: A Laracha

Despois de durmir a primeira noite en A Laracha, fixaremos nesta mesma poboación o punto de partida do noso percorrido. Achegarémonos ata Caión e visitaremos un dos lugares máis máxicos de Galicia, o Santuario dos Milagres de Caión. Pero se queres visitar a Virxe dos Milagres fóra das datas da romaría, deberás acudir á igrexa parroquial de Santa María do Socorro, no centro de Caión.

Como é probable que a estas alturas da xornada xa che espertara o apetito, anímote a probar a gastronomía do lugar en calquera destes establecementos. Entre a gran variedade de produtos gastronómicos locais aconsélloche probar o pan e a empanada, de gran tradición aquí, así como os seus afamados peixes e mariscos como o polbo, os percebes, a sardiña ou o congro; aínda que se prefires comer carne tamén hai opcións para ti, pois poderás saborear uns callos, unha fabada ou un bo cocido. Quedarache algo de sitio para unha sobremesa? que tal unhas cereixas? Non perdas a Festa de Interese Turístico en Paiosaco, que se celebra o primeiro domingo de xullo.

Agora que xa recargamos enerxías no xantar, propóñoche que aproveitemos a tarde visitando os dous museos locais, que che servirán para captar mellor todas as esencias deste territorio da Costa da Morte: o Arquivo de Pesca e o Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte. Antes do ocaso, podes achegarte ata a Área recreativa de Gabenlle e facer unha andaina polo Paseo fluvial do río Anllóns.

Outros datos de interese: o primeiro e terceiro domingo de cada mes  celébrase a Feira de Paiosaco. Tamén me din, que en A Laracha podes atopar un menhir que na cultura popular chaman: a “Pedra do Guicho” cun  marcado folclore sexual.

A última hora do día iremos atoparnos co sol. Despediremos o día na praia e no paseo marítimo de Caión. Eu, a Moura da Costa da Morte, acompañareite neste máxico momento no que o sol se funde co mar…

E para pasar a noite podes consultar nas seguintes ligazóns os aloxamentos nos que che recomendo durmir en A Laracha ou en Carballo

LUCES & SOMBRAS en A Laracha

Para sentir a experiencia que agora che propoño debes dirixirte aos lugares relixiosos de San Pedro de Soandres, San Roque da Pena e Santa Margarida.

A importancia de visitar estes sitios vén dada por seren espazos sagrados cunha orixe profana. O santuario é o punto onde se produce a comunicación entre o mundo interior e o mundo exterior, onde se dá unha cósmica conxunción entre a terra e o ceo; as forzas terreais e as forzas divinas; segundo o libro Vade retro de Rafael Quintía Pereira.

Desde antigo, os seres humanos acoden a determinados lugares para pedir protección. Hoxe, a maioría deses lugares son mosteiros, como acontece en San Pedro de Soandres, un lugar no que moitas persoas foron soterradas precisamente nesa procura de amparo e protección ante as dificultades e medos terreais. Sen dúbida é un enclave que che recomendo visitar.  

Se queres unirte a esta tradición na que a morte é símbolo de transformación da dor, da loita, da guerra, do naufraxio…  Soandres é o lugar perfecto para pregarlle a San Pedro. Podes facelo a través dun canto, dunha danza ou sinxelamente en silencio, pedindo de corazón que te protexa e efectuando unha pequena ofrenda.

Pero, por que todo o mundo o oculta? Tradicionalmente as persoas teñen por costume gardar en silencio as súas peticións. Nos cruceiros podemos atopar ofrendas realizadas dende o anonimato. Porque, como dicimos en Galicia, Habelas Hainas...

E xa que che estou a falar de cruceiros, quizais sexa boa idea continuar a nosa xornada visitando os de San Roque da Pena, en Montemaior, e Santa Margarida. Estes cruceiros, do mesmo xeito que acontece coas encrucilladas, lémbrannos a vida perenne e a fraxilidade humana. Serven para liberar lazos emocionais, auxiliar os nosos defuntos que están no alén e incluso protexer os camiños e a aquelas persoas que queiran avanzar por eles.

Recoméndoche coñecer estes lugares sagrados, coller auga das súas fontes, realizar as túas peticións e, sobre todo, escoitar.

Para acompañar o percorrido propóñoche escoitar estas dúas pezas de música: Camiño de Caión, de Luar na Lubre e Maneo de Vilaño.

Podes ampliar información no apartado "lendas" desta web. 

Se aínda che queda tempo, podes vivir outras experiencias de turismo deportivo, turismo activo e de patrimonio cultural na zona. Tes a información seguindo as ligazóns.

Propóñoche tamén a Ruta Literaria pola Costa da Morte.