A última xornada deste itinerario será no municipio de Zas… Terra de vida, como din as xentes do lugar.
Durante a mañá recoméndoche visitar o punto máis emblemático do municipio, o pazo das Torres do Allo. Este conxunto atópase agochado tras un paseo entre carballos, nunha contorna onde podemos observar todos os elementos típicos: casa señorial, xardín, hórreos, fontes, vivendas de caseiros, alpendres e un souto.
Se queres coñecer máis sobre estas casas nobres e antigas, recoméndoche que realices a Ruta dos Pazos que discorre polos de Follente, Romelle e Edreiras.
Outro dato interesante durante a túa visita a este municipio da Costa da Morte é coñecer o calendario de feiras, que se celebran o terceiro domingo de cada mes en Baio. Ademais, todos os luns hai mercado en Zas.
Para rematar a mañá podes perderte un pouco polas rúas do núcleo urbano de Baio, lugar onde atoparás varios establecementos hostaleiros onde comer. Podes consultar aquí os restaurantes de todo o municipio de Zas.
E, tras o almorzo, que tal un agradable paseo bordeando o río Grande? Se buscas tranquilidade e conexión coa natureza, seguro que neste entorno acabarás camuflándote entre a paisaxe. Capta a súa esencia!
Antes do solpor, recoméndoche visitar a área da Ponte de Brandomil e realizar a ruta a pé. Tes a información que precisas seguindo a ligazón.
Para sentir esta experiencia debes dirixirte á Carballeira de Zas.
O carballo é un dos principais símbolos de Galicia. Referente máxico dos druídas na cultura celta, árbore sagrada e purificadora; tamén se atopa presente en diferentes relatos da mitoloxía cristiá.
Conta a lenda que no cume do monte Castro, onde se sitúa a Carballeira de Zas os mouros agocharon un gran tesouro de ouro e prata. E din que, no momento no que ese tesouro fose descuberto, ocorrerían grandes desgrazas que provocarían o afundimento da aldea. Por este motivo, os membros da Asociación Cultural de Zas decidiron organizar un festexo co que contentar aos temibles espíritos do monte: a Festa da Carballeira.
Así o relatan os membros da Asociación Castro-Meda.
Tamén paga a pena visitar a Capela de San Roque e seguir punto por punto o que manda a tradición. A veciñanza de Mira din que hai que lavar as mans (ou coller auga) e realizar a seguinte petición, invocando aos santos: “San Antonio de Agualada e San Roque do Monte nos aparte a peste do corpo e da alma".
Pero non é este o único lugar de Zas ao que se lle atribúen efectos beneficiosos para a saúde. A Fonte de Santa Margarida de Muíño tamén serve para sanar males. Neste caso, a veciñanza di “Santa Margarida ten unha fonte con dous caños, onde se van curar todos os males estraños". De ser ti, eu tería en conta o refraneiro popular…