X

Día 2: Carballo

A nosa primeira cita da mañá será a Fervenza de Entrecruces, onde a mesma natureza converte este lugar de lenda nun santuario natural: o río Outón precipítase ao baleiro dende máis de corenta metros de altitude. Dende alí poderás realizar unha andaina pola ruta PRG-142, onde te agardan fermosas paisaxes, historias e relatos populares. Ademais de natureza, neste percorrido tamén atoparás restos de antigos muíños e dunha vella central hidroeléctrica.

Logo de visitar estes lugares recoméndoche comer nalgún dos restaurantes que hai en Carballo. Alí, non deixes de probar os mexillóns e mailo famoso pan de Carballo.

Se despois do xantar queres continuar paseando pola natureza, convídote a camiñar pola costa do municipio, cara ao complexo formado polas dunas de Razo e Baldaio. Se decides quedar por esta zona ata a noitiña terás elixido ben o teu plan, pois na área situada entre as Praias de Razo e de Pedra do Sal poderás ver un dos mellores solpores. 

Ademais de gastronomía e patrimonio cultural e natural, Carballo tamén posúe unha variada oferta de deportes acuáticos. Seguindo esta ligazón atoparás información sobre as distintas experiencias de turismo activo que podes vivir en Carballo.

Pero se deveces por coñecer máis cousas sobre a súa cultura e a súa xente recoméndoche unha visita ao antigo cárcere provincial, hoxe convertido no Museo de Bergantiños, e descubrir as rúas e prazas do centro a través da ruta urbana.

utra alternativa para ver o solpor é a zona da capela de Santa Irene, situada sobre o Castro de Castrillón. Trátase doutro lugar de lenda, pois dise que este templo foi trasladado pedra a pedra dende o fondo da lagoa de Baldaio… Quen sabe se será certo! O que si che podo asegurar é que estamos nun antigo lugar de gran simbolismo, de adoración celta, co sol e a lúa sempre presentes…

Para durmir, seguindo as ligazóns podes consultar os aloxamentos recomendados en Carballo ou ben en Malpica.

LUCES & SOMBRAS en Carballo

Para sentir a experiencia que che propoño agora, debes dirixirte ao Espazo Natural Razo-Baldaio.

Disque a orixe e o final teñen lugar no mar, que a auga purifica e fai renacer. Desta crenza nacen numerosas lendas, historias nas que esta costa cobra vida para ser xusticeira de barcos, xentes e cidades afundidas. En Carballo atópase unha das paraxes máis crípticas e lendarias, a Praia de Baldaio. Atréveste a coñecela e a desvelar o seu misterio?

Os fondos mariños de Baldaio son unha franxa de historia viva nos que mergullarse, tal e como relata o libro Contos Mariños de Carballo. Esta contorna natural está composta por unha praia, unha lagoa e unha marisma, e goza de especial protección ambiental. É unha localización perfecta se buscas descanso e acougo… Un lugar único para respirar fondo, pechar os ollos e imaxinar a cidade afundida de Galileo.

Senta, ponte cómodo e escoita o mar… Oes as campás? O seu son tamén garda relación con supersticións en Galicia. O repenicar fala do espertar da vida e da chegada da morte cíclica, así que o número de badaladas falará de vida ou de morte…

Podes ampliar información no apartado "lendas" desta web. 

 

Se aínda che queda tempo, podes vivir outras experiencias de turismo deportivo, turismo activo e de patrimonio cultural na zona. Tes a información seguindo as ligazóns.

Propóñoche tamén a Ruta Literaria pola Costa da Morte.