X

Día 4: Ponteceso

Dedicaremos a xornada de hoxe a coñecer a vila de Ponteceso, berce do gran poeta galego Eduardo Pondal.

Pola mañá dirixirémonos cara á zona de Corme para dar un paseo pola Praia da Hermida, un areal desde o que poderemos contemplar a Illa da Estrela. Antes de chegar a Corme aproveitaremos para parar na enigmática Pedra da Serpe, outro dos moitos lugares de lenda da Costa da Morte. E tamén de camiño, podes atopar o Monte Branco cunhas vistas únicas á enseada do río Anllóns.

Antes de comer, recoméndoche dar un paseo polo núcleo urbano de Ponteceso, onde atoparás a Casa de Eduardo Pondal así como outras localizacións relacionadas co autor, unha das grandes figuras das Letras Galegas. Estes puntos forman parte dunha interesante proposta que invita a coñecer este territorio a través da vida e obra deste ilustre veciño: a Ruta Pondaliana.

Para comer, podes facelo nalgún dos restaurantes da vila, onde non deberías perder a ocasión de degustar os famosos percebes do Roncudo.

Pasada a hora do xantar recoméndoche visitar Nosa Señora do Faro de Brantuas e rematar a tarde cunha andaina pola enseada do río Anllóns. Se tes ganas dun paseo máis longo, podes consultar na ligazón a información sobre rutas que proporcionan desde o municipio.

Unha vez máis, reservaremos o momento da tardiña para saír ao encontro do solpor. Na xornada de hoxe desprazarémonos ata o cabo e o Faro do Roncudo.

Para durmir, seguindo as ligazóns podes consultar os aloxamentos recomendados en Ponteceso como os apartamentos turísticos Pazo da Fonte ou a vivenda turística A Casa de Lelo; e en Cabana de Bergantiños.

LUCES & SOMBRAS en Ponteceso

Para sentir a experiencia que agora che propoño debes dirixirte á Praia da Herrmida, desde onde poderás ver a Illa da Estrela: unha contorna de lenda, culto e tradición no que a historia convive coa natureza.

Conta a historia que, aproveitando as luces e as sombras do momento do lusco e fusco, na Illa da Estrela se enterraban os mortos descoñecidos que traía a mar. Actualmente nesta illa sitúase unha ermida dedicada á Virxe da Estrela e os restos dun castro.

E, xa que che estou a falar de paisaxe e natureza, recoméndoche outro percorrido, neste caso fluvial: a Ruta do río Anllóns. A miña proposta ten a auga como elemento primordial que dá a vida, pero tamén a destrúe cando o nivel do río desborda. Aquí atoparás muíños antigos, pontes e o templo de San Fiz de Anllóns; campás ás que alude o propio Eduardo Pondal nunha das súas composicións.

Podes ampliar información no apartado "lendas" desta web. 

 

Se aínda che queda tempo, podes vivir outras experiencias de turismo deportivo, turismo activo e de patrimonio cultural na zona. Tes a información seguindo as ligazóns.

Propóñoche tamén a Ruta Literaria pola Costa da Morte.