X

Día 6: Laxe

Hoxe guiareite polo municipio de Laxe, onde a historia segue viva.

Empezamos coñecendo as singulares formacións rochosas dos Penedos de Traba, unha paisaxe protexida, e a Igrexa de Santiago de Traba. Este templo está ben preto dunha lagoa na que, segundo conta a lenda, se atopa a cidade mergullada de Valverde.

Logo de comezar o día nunha paraxe especial, toca experimentar a vida dun auténtico veciño de Laxe. Para facernos unha idea de como foi evolucionando a vida neste lugar, que che parece unha visita ao Museo do Mar de Laxe? Alí atópase o arquivo fotográfico Vidal, recoñecido como Ben de Interese Cultural (BIC). O seu fondo reúne máis de sesenta e seis mil imaxes antigas deste municipio e das comarcas de Bergantiños e Soneira.

Como complemento á visita do museo, e antes de comer, invítote a pasear pola vila e perderte polas súas rúas, contemplar a súa arquitectura e parar ante a Casa do Arco, unha das edificacións civís máis emblemáticas.

Á hora do xantar non poderás escapar á proposta dos peixes con “X” de LaXe: a xarda, a xouba e o xurelo… Poderás saborealos en distintas preparacións nalgún destes restaurantes locais. Recoméndoche tamén, o gastrobar A Ventana. 

Antes do solpor, teremos a oportunidade perfecta para camuflarnos e integrarnos na natureza do lugar. Propóñoche que fagamos xuntos algunha das rutas sinalizadas, enteiras ou ben algún tramo concreto: PR-G-70 Laxe - Punta Ínsua (4,6 quilómetros), PR-G- 114 Laxe - Traba (8 quilómetros), Sendeiro litoral de Mórdomo - Camelle (4,9 quilómetros).

A última hora da tarde iremos a encontrarnos co sol a un dos seguintes puntos:

  • No alto do Monte Cornaceiras, no emprazamento da ermida de Santa Rosa. Segundo conta unha lenda, un navegante de Laxe encomendouse a esta santa para que o protexese cando saía ao mar, así que cando chegou de volta san e salvo levantou unha cruz en agradecemento: a Cruz do Navegante

  • Monte da Insua coa Praia dos Cristais. Trátase dun depósito natural de pequenos vidros que o mar trouxo desde un antigo vertedoiro. No monte atoparás tamén a Pedra dos Namorados e a Furna da Escuma; un lugar no que o mar nos mostra a súa bravura e onde se acumula grande cantidade de escuma os días de ondada. Se te animas, poderás visitar o Faro de Laxe, cos seus once metros de altura e a cincuenta metros sobre o nivel do mar.

Para durmir, seguindo as ligazóns podes consultar os aloxamentos recomendados en Laxe como o Hotel Playa de Laxe, ou en Camariñas.

LUCES & SOMBRAS en Laxe

Iniciaremos esta experiencia no Porto de Laxe.

Situado fronte á localidade de Corme, o Porto de Laxe destaca pola súa fermosa praia. As súas augas contan numerosas historias de naufraxios sucedidos neste tramo da Costa da Morte. Dalgún deles falareiche a continuación:

Eran as oito e media da tarde do 19 de decembro de 1850 cando se afundía en Laxe o brickbarba de tres paus Adelaide, cargado de armas e de ouro. Conta a lenda que uns nobres locais, axudados por varios seguidores, tiñan preparado un truco de luces que provocou que o afundise o buque, o cal navegaba cargado de armas e ouro. Catro días antes do funesto suceso, dous mariñeiros perderon a vida na mesma zona cando intentaban reparar o temón do veleiro inglés…

A traxedia alterou a tranquilidade destas terras en reiteradas ocasións, como tamén aconteceu no episodio do naufraxio do Playa de Arnela, o 6 de novembro de 1972 ás oito e media da tarde. A embarcación bateu contra un dos baixos do cabo de Laxe cando se dirixía cara a Corme para descargar a pesca. Tan só sobreviviron dous dos doce tripulantes, os únicos que puideron dar testemuño da traxedia.

Nos cinco primeiros anos do século XXI, e pese ás melloras nas condicións de vida e de seguridade relacionadas coa actividade marítima, as mortes seguen a ser noticia nesta comarca. Tráxicos sucesos téñense vivido no ámbito pesqueiro, un sector fundamental para a economía local. Grazas ao valor e esforzo dos profesionais do mar, cada día podemos gozar dunha variada oferta gastronómica onde o peixe e o marisco son os protagonistas.

Para pedir a protección da Virxe do Carme, patroa de mariñeiros e navegantes, cada 17 de agosto celébrase a Festa do Naufraxio, declarada de Interese Turístico de Galicia. Foi instaurada en 1962 por  Avelino Lema Santos, un home que tivo a fortuna de sobrevivir a tres naufraxios. Como curiosidade, direiche que este festexo tamén se celebra en Perú.

Na Costa da Morte tamén é frecuente ver camposantos ben pegadiños ao mar. É o caso do Cemiterio de Laxe, un recinto que mantén todos os elementos tradicionais que caracterizan este tipo de recintos en Galicia: tumbas antigas, cruces de Santiago e o seu emprazamento ao borde do océano.

Ademais de visitar todos estes lugares, se queres saber máis sobre a historia dos afundimentos na zona recoméndoche a lectura do libro de Rafael Lema titulado Costa da Morte.Un país de sueños y naufragios.

Podes ampliar información no apartado "lendas" desta web. 

 

Se aínda che queda tempo, podes vivir outras experiencias de turismo deportivo, turismo activo e de patrimonio cultural na zona. Tes a información seguindo as ligazóns.

Propóñoche tamén a Ruta Literaria pola Costa da Morte.