X

42 webseries de todo o mundo compiten na sección oficial do V Festival Carballo Interplay

42 webseries de todo o mundo compiten na sección oficial do V Festival Carballo Interplay

42 webseries de todo o mundo competirán na sección oficial da quinta edición do Festival de contidos dixitais Carballo Interplay, que se celebrará os días 4, 5, 6 e 7 de abril na vila coruñesa e que repartirá máis de 5.000 euros en premios. Tal e como anunciaron esta mañá a través dun vídeo en directo Sonia Méndez e Sandra Lesta, o V Carballo Interplay elixiu, entre máis de 250 propostas chegadas de todo o mundo, un total de 3 propostas galegas e en galego, 12 do resto do estado e 27 do resto do mundo. 



Cada un destes bloques competirá por cadanseu premio de 800 euros, que decidirá o xurado do festival, composto polo guionista e realizador Carlo Padial, a crítica Desirée de Fez, o xornalista Iago Fernández, a actriz María Tasende, o guionista Oscar Cruz e a directora Anxos Fazáns. Ademais, o público decidirá cos seus votos entre todas elas un premio de 400 euros e, por vez primeira nesta edición, un xurado novo entregará outro premio de 400 euros. Conforman este xurado a youtubeira Nuria Espasandín, o músico Cristian Andrade a ilustradora Laura Tova e o picadiscos e programador do Xiria Pop Maikel Pérez.

Entre as webseries internacionais que se poderán ver no V Carballo Interplay hai propostas de Arxentina, Australia, Canadá, Chile, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Holanda, Italia, Líbano, México, Nova Zelanda, Reino Unido, Suíza e Uruguai. A maioría das series son en español (19) e inglés (14), pero tamén se escoitarán historias en galego (3), albanés, árabe, danés ou italiano.

O Carballo Interplay ofrecerá, así, unha completa panorámica do que se está cocendo no mundo das webseries a nivel global. Como vén sendo habitual, o humor terá unha presenza abafadora (22 das 42 webseries finalistas son comedias), pero tamén haberá oco para o drama e para o camiño do medio, a dramedia, para o documental e o falso documental e para o thriller, a ciencia ficción, o romance, o músical ou o horror. 

As 42 webseries finalistas proxectaranse en seis bloques -tres internacionais e tres do Estado- nas tardes do xoves 5, do venres 6 e do sábado 7, no Auditorio da Casa de Cultura de Carballo. Cada bloque terá unha duración de entre unha hora e unha hora e cuarto e a entrada, como en todas as actividades do Festival, é libre e gratuíta ata completar aforamento.

Arquivado en:

Novas