X

A 17ª edición da "Volta Ciclista" á Provincia da Coruña comeza en Ponteceso

A 17ª edición da "Volta Ciclista" á Provincia da Coruña comeza en Ponteceso

Os concellos de Ponteceso, Curtis e Cariño serán este ano as sedes centrais da 17ª edición da Volta Ciclista á Provincia da Coruña, que se disputará entre os días 1 e  3 de xuño e contará coa participación de máis dun centenar de ciclistas das categorías Élite e Sub-23, nas que se forxan as novas promesas desta disciplina deportiva antes de chegar ao ámbito profesional.  

O evento deportivo foi presentado o sábado pasado na praia de Balarés (Ponteceso) durante un acto que contou coa asistencia do deputado de Deportes, José García Liñares, o alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, o alcalde de Dumbría e deputado provincial, José Manuel Pequeño, o concelleiro pontecesán de Deportes, Marco Varela, o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, o exciclista Ezequiel Mosquera, o director técnico da proba, Guillermo Sande, o alcalde de Cariño, José Miguel Alonso Pumar, o teniente da Guardia Civil José Manuel Meléndez e o xornalista deportivo da Radio Galega Andrés Vieites, que se encargou de conducir o acto.

 

 

Os alcaldes de Ponteceso e Cariño agradeceron á Deputación que tivese elixido as súas localidades, xunto con Curtis, como sedes centrais da Volta á Provincia e subliñaron o apoio ao ciclismo por parte dos deputados de Deportes e Vías e Obras da Deputación, que permitiron que a provincia acollese etapas da Vuelta Ciclista a España e teña en marcha ambiciosos proxectos de promoción do ciclismo como a Rede Ciclista Metropolitana da Coruña ou a Vía Verde Santiago-Cerceda. 

Nesta 17ª edición da Volta participarán un total de 17 equipos de Asturias, Tenerife, Madrid, Extremadura, Cantabria, Castela-León, Galicia e Portugal. A proba comezará o 1 de xuño en Ponteceso, cun percorrido de 150 quilómetros que pasará por A Campara, Pazos, A Bugalleira, Tella, Neaño, Cesullas, O Allo, Baio, Zas, o alto de San Roque, Santa Comba, Pino do Val, Paxareiras, O Pindo, O Ézaro (con subida ao mirador), Hospital, Dumbría, Vimianzo e regreso a Ponteceso.

 

 

Arquivado en:

Novas