X

A CMAT convoca mesas de traballo con concellos e empresas turísticas para o deseño de experiencias turísticas que dean a coñecer a Costa da Morte.

A CMAT convoca mesas de traballo con concellos e empresas turísticas para o deseño de experiencias turísticas que dean a coñecer a Costa da Morte.

Os días luns 17 e martes 18 de setembro, en horario de 11:00 a 13:00h, a CMAT organiza mesas de traballo público-privadas para presentar os avances dos traballos realizados no marco do proxecto de “Actualización e Mellora das experiencias de turismo activo e turismo cultural de Costa da Morte”, cofinanciado pola Axencia de Turismo de Galicia.

O luns, a mesa celebrarase no Salón de Plenos do concello de Cabana de Bergantiños, xusto despois da presentación do Programa de Mellora da Competitividade do sector turístico da Costa da Morte por parte da Deputación da Coruña, a CMAT e as empresas que impartirán a formación dirixida a empresas e técnicos implicados no desenvolvemento turístico do xeodestino.

O martes, a mesa celebrarase na Casa da Cultura do concello de Corcubión, con idénticos contidos e co obxecto de facilitar a máxima asistencia de participantes, e que a distancia non supoña un obstáculo para a participación.

Nas mesas de traballo, a empresa contratada para desenvolver o proxecto, mostrará a súa proposta de temáticas das experiencias novas que poñerán en valor e darán a coñecer lendas, lugares máxicos, personaxes mitolóxicos, rituais, folclore, artesanía, etc. Ademais, recollerá información e outras valiosas aportacións do sector para fortalecer os resultados e acadar a aprobación das propostas presentadas. A CMAT insiste sempre na necesidade de desenvolver os proxectos en contacto continuado cos axentes locais, buscando a súa participación activa e a aprobación dos resultados.

Aproveitarase para recoller datos de espazos, empresas e actividades relacionadas coas experiencias, que serán promocionadas posteriormente desde a web www.visitacostadamorte.com, especialmente as vinculadas co turismo activo-deportivo, o turismo cultural e o turismo de natureza.

Tras as mesas, a CMAT presentará brevemente parte dos resultados de análise, diagnose e formulación estratéxica do Plan de Acción de Turismo de Costa da Morte, co obxecto de manter informado ao sector e recoller posibles suxestións a incorporar.

 

Arquivado en:

Novas