X

A Costa da Morte protagoniza a presenza da Deputación da Coruña en MIMOC

A Costa da Morte protagoniza a presenza da Deputación da Coruña en MIMOC

A Deputación da Coruña colabora e participa na II Feira Internacional do mundo do Ocio-Mimoc 2019 cun espazo propio e a colaboración cos concellos da Costa da Morte que protagonizan un amplo programa de actividades que se desenvolverá ao longo da feira que se prolonga até o domingo 17 de febreiro.

O deputado de Turismo e Patrimonio, Xosé Regueira, participou nos actos inaugurais e nas actividades que abren o evento en que, da man da Deputación da Coruña, os concellos de Camariñas e Carballo abriron a programación. Do venres ao domingo, o Concello de Camariñas ofrece unha demostración en vivo do encaixe con dúas palilleiras, acompañadas dun expositor con algunhas das obras máis representativas.

O proxecto "Derrumbando muros con pintura" do concello de Carballo chegou a Mimoc este venres á tarda coa participación da muralista Nana que pintou nun taboleiro unha das súas magníficas obras. Ademais, os máis pequenos participaron nesta actividade ilustrativa, co apoio da propia pintora. O domingo, os murais volverán ao programa da MIMOC desta volta co artista Mou.

O Ecomuseo Forno do Forte de Buño completou a oferta do venres á tarde cunha demostración da olería a través do traballo co torno e outros materiais. Na xornada do sábado o Concello de Laxe ofrecerá de 17h a 19h un obradoiro de percusión para público infantil coa elaboración de maracas con materiais reciclados.

Os concellos de Ponteceso e Vimianzo participarán na terceira xornada do programa da feira. A artesanía das redeiras de Ponteceso mostrarán o seu traballo durante todo o domingo e, xa pola tarde, desde Vimianzo chegará á Coruña unha representación do asalto ao Castelo, unha viaxe ao pasado, ao mundo medieval cos irmandiños e a súa loita cos señores do castelo.

Arquivado en:

Novas