X

A Costa da Morte, un paso máis cerca de declararse Reserva Mundial de Surf

14/05/2019

A Costa da Morte, un paso máis cerca de declararse Reserva Mundial de Surf

A CMAT, como ente xestor do xeodestino Costa da Morte, apoia á Deputación da Coruña na preparación da candidatura para converterse na segunda Reserva Mundial de Surf (WSR) declarada de Europa e a doceava a nivel mundial.

O pasado luns celebrouse no Museo de Man de Camelle unha nova xuntanza do grupo promotor do proxecto de candidatura, impulsado pola Deputación da Coruña e na que máis de 25 persoas están involucradas. Entre os asistentes, representantes de diversos organismos públicos e grupos de interese sectoriais; especialmente relacionados co surf.

Nesta reunión, a última do proxecto antes da presentación da Carta de candidatura ante o organismo Save the Waves, contou ca presenza de Tony Butt, representante da organización. Na súa intervención, Butt explicou os obxectivos do Programa WSR, detallou os pormenores do proceso da candidatura e falou dos beneficios e implicacións que conleva a Declaración; exemplificando co caso das once reservas xa declaradas. Posteriormente, procedeuse á lectura da carta de candidatura.

Para rematar a xornada, o grupo visitou a praia do Trece e o Cemiterio dos Ingleses. O escritor Rafael Lema Mouzo acompañou o paseo con explicacións históricas sobre os naufraxios na Costa da Morte e as lendas asociadas á mítica terra. O broche final púxoo unha comida conxunta.

A CMAT amosa o seu apoio ao proxecto, que comparte os seus obxectivos co Plan de Acción para o Turismo da Costa da Morte 2019-2021. Neste documento, o surf e outras actividades náutico-deportivas recóllense como claves no desenvolvemento turístico local.



 

Arquivado en:

Novas