A Deputación da Coruña confía a xestión do Dolmen de Dombate no Concello de Cabana de Bergantiños
A Deputación da Coruña e o Concello de Cabana de Bergantiños asinaron o convenio para a xestión de visitas do Dolmen de Dombate que inclúe un programa de actividades arredor do monumento. A área de Patrimonio, dirixida polo deputado Xesús Soto, continúa así co modelo que pon a xestión do patrimonio en mans dos concellos,
O deputado e responsábel da área de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xesús Soto, e o alcalde do Concello de Cabana de Bergantiños, José Muiño, asinaron un novo convenio cooperación mediante o que ambas entidades se comprometeron a intensificar a súa colaboración na xestión cultural e turística do dolmen de Dombate. Así, a Deputación achega unha partida económica de 60.000 euros ao fin de ofrecer os servizos de atención a visitantes do conxunto megalítico, ademais de promover diferentes actividades complementarias arredor dun dos emblemas patrimoniais da Deputación.
Tras acometer múltiples actuacións de mellora na protección, conservación e rehabilitación do dolmen, a Deputación da Coruña volve confiar a xestión de visitantes no Concello de Cabana de Bergantiños, nun novo modelo que está a desenvolver nos seus principais bens patrimoniais que pasan a ser xestionados desde o goberno municipal do territorio no que se atopan. Ademais de atender a visitantes, o convenio contempla un conxunto de actividades que complementan o grande atractivo e interese histórico e artístico que posúe a coñecida como “catedral do megalitismo” en Galicia.
Neste sentido, a Deputación e o concello bergatiñán deseñaron un programa para este ano 2018 en que xunto coas visitas e obradoiros de prehistoria destinados a turistas e escolares, se engaden diversas conferencias, charlas e eventos musicais que contribuirán ao coñecemento e divulgación do monumento.
Entre as actividades programadas, destacan a celebración dos obradoiros de prehistoria “O gran invento do Neolítico. A cerámica” ou “As cores de Dombate. Pinturas máxicas”, ademais da denominada “Ruta das estrelas”, unha visita guiada en que os visitantes poderán contemplar a choiva de estrelas desde o monte Borneiro na noite de San Lourenzo. Este mesmo escenario, o monte de Borneiro, acollerá unha ruta cicloturística que converterá a contorna de Dombate na capital do Arqueociclismo.
Finalmente, o convenio establece a celebración de diferentes actividades de marcado carácter cultural onde a música e o teatro serán os protagonistas, sendo salientables o ciclo “Primavera en Dombate” ou a chamada “Máster Class Musical”, onde os sons clásicos e tradicionais galegos encheran de espectáculo o Centro Arqueolóxico de Dombate.
O Dolmen de Dombate forma parte do Patrimonio da Deputación da Coruña desde o ano 1975, sendo un dos monumentos megalíticos máis relevantes do patrimonio galego, e estando declarado Ben de Interese Cultural dende 1985.