X

A Deputación da Coruña promove a contratación de profesionais nas oficinas de turismo dos concellos

A Deputación da Coruña promove a contratación de profesionais nas oficinas de turismo dos concellos

A área de Turismo destina 800.000 € euros para o programa destinado a municipios de menos de 50.000 habitantes. A profesionalización do sector é un dos obxectivos da área de Turismo da Deputación da Coruña que destina 800.000 para promover novas contratacións de persoal das oficinas de turismo de concellos de menos de 50.000 habitantes. 

A Deputación da Coruña financia as retribucións do persoal técnico para as oficinas de turismo dos concellos ou agrupacións de concellos de poboación inferior a 50.000 habitantes, por un período mínimo de 4 meses, coincidindo coa temporada alta turística. Para este fin, a área de Turismo destina 800.000 € que teñen como obxectivo contratación de persoal especializado para manter abertas as oficinas de turismo, cando menos, catro meses en temporada alta.

"Esta liña é un eixo fundamental da xestión da área de Turismo da Deputación da Coruña xa que, por unha parte, contribúe á empregabilidade de persoas con formación no sector e, pola outra, é fundamental á hora de profesionalizar a atención turística, coa contratación de persoas especializadas", sinala o deputado responsábel da área de Turismo, Xosé Regueira.  Segundo o deputado de Turismo, con esta liña destinada aos concellos que achega até 20.000 € por solicitude, conseguiranse "materializar novas contratacións que irán en beneficio da planificación turística e ampliarán o período de atención ás persoas que visitan o territorio da Coruña". 

Os criterios de baremación das solicitudes contemplarán o número total de aloxamento en establecementos turísticos do concello ou agrupación dos concellos, a capacidade de cobertura da demanda turística, o que significa a existencia de oficinas de información turística diferenciadas e un área ou servizo de seu no concello con persoal asignado, entre outras ou o interese turístico e a planificación sostida. A liña da área de Turismo reverterá na creación de postos de traballo no sector turístico, un dos obxectivos nos que traballa o departamento que dirixe na Deputación da Coruña, Xosé Regueira

O persoal que opte ás prazas dos concellos deberá estar en posesión dos títulos de técnico superior en Guía, Información e Asistencia Turística, Turismo, técnico en Empresas e Actividades Turísticas ou grao e licenciatura en Historia da Arte, Humanidades, Xeografía e Ordenación do Territorio ou Historia. Na seguinte ligazón pódense consultar as bases completas da convocatoria: http://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2019/01/09/2019_0000000112.html

Arquivado en:

Novas