X

A Deputación inviste un millón de euros na construción de sendas peonís no Camiño de Fisterra, ao seu paso por Negreira

A Deputación inviste un millón de euros na construción de sendas peonís no Camiño de Fisterra, ao seu paso por Negreira

 

A Deputación destina 1.012.495 euros a este proxecto, dos cales 893.378 corresponden ao orzamento das obras e outros 119.116 euros á expropiación dos predios necesarios para executar os traballos.  Este investimento realízase dentro do Plan de Sendas Peonís, que pretende mellorar a seguridade viaria dos peóns en todas as vías de titularidade provincial. Así mesmo, a Deputación realiza este tipo de actuacións especialmente naqueles tramos polos que discorren as sendas xacobeas, co obxectivo de mellorar as dotacións para os peregrinos e evitar que teñan que transitar pola calzada ou as beiravías, co consecuente perigo. 

Ademais das sendas en Negreira, a Deputación xa construíu itinerarios peonís noutras estradas provinciais polas que pasa a prolongación de Fisterra e Muxía, nos concellos de Dumbría, Muxía e Santa Comba. As obras na DP 5603 de Negreira a Marco do Cornado realizaranse en catro tramos situados entre os puntos quilométricos 1+430 e 2+170, 7+300 e 7+820, 8+750 e 10+770 e do 11+110 ao 12+900. As novas sendas terán dous metros de ancho e realizaranse en zahorra artificial estabilizada con cemento, o que proporciona un firme brando e cómodo para camiñar longas distancias.

Por outra banda, o BOP tamén publica hoxe a aprobación dun proxecto para mellorar a rasante e a pavimentación da DP1301, de Gándara a Amanecida, no Concello de Brión. Neste caso, o orzamento das obras ascende a 321.053,54 euros. O tramo no que se actuará situase entre os puntos quilométricos 3+250 e 5+870 e os traballos consistirán na reparación dos defectos na capa de rodaxe, a regularización da totalidade da superficie, a extensión dunha capa de zahorra, grava e tratamento superficial e a renovación da sinalización tanto vertical coma horizontal.

Arquivado en:

Novas