X

A Deputación presenta o proxecto do Parque do Megalitismo da Costa da Morte a dez concellos

A Deputación presenta o proxecto do Parque do Megalitismo da Costa da Morte a dez concellos

O responsable da área de Turismo e Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, mantivo esta mañá unha reunión con representantes municipais dos dez concellos que pasarán a integrar o proxecto de impulso do Parque do Megalistismo da Costa da Morte. No encontro, presentáronse as principais características dun convenio colaboración supramunicipal co que dende a institución provincial se pretende impulsar a posta en valor dos elementos megalíticos que posúe no seu territorio.  

A xuntanza, a primeira na que participaron alcaldes, concelleiros e secretarios de Ponteceso, Cabana de Bergantiños, A Laracha, Carballo, Dumbría, Laxe, Malpica, Mazaricos, Vimianzo e Zas, serviu para expor os principais apartados dun convenio de colaboración, que de ser aprobado por cadanseu pleno municipal e, posteriormente, no pleno provincial, terá consignada unha partida orzamentaria de 500.000 euros por parte da Deputación da Coruña.  

O deputado e responsable da área de Patrimonio da Deputación, Xosé Regueira subliñou que “este proxecto ten por obxecto cohesionar o territorio a través de modelos patrimoniais, impulsando o megalitismo dende a cooperación entre os concellos e a Deputación”.

Con esta actuación, a área de Patrimonio da Deputación da Coruña pretende incidir na socialización  e divulgación dos recursos patrimoniais que posúe o seu territorio abordando a optimización e homoxeneización da sinalización dos monumentos, a mellora da súa accesibilidade, a elaboración de diferentes plans de comunicación e educación e, incluso, valorar a posible adquisición daquel patrimonio histórico que se atope en mans privadas. 

Nestes momentos, a institución provincial remitirá un borrador do convenio marco a cada un dos concellos, que xunto coa Deputación xestionarán durante os vindeiros catros anos de forma conxunta as actuacións e actividades que se realizarán ao redor dos diferentes monumentos megalíticos. Así, durante este período de análise, os concellos terán a posibilidade de achegar as propostas e melloras que consideren oportunas sobre o documento inicial.

 

Arquivado en:

Novas