X

A Oficina de Información Turística de Caión atendeu a máis de 400 consultas durante o verán.

A Oficina de Información Turística de Caión atendeu a máis de 400 consultas durante o verán.

A Oficina Municipal de Información Turística (OMIT) do Concello da Laracha vén de elaborar o seu informe da actividade realizada desde finais do mes de xuño -no inicio da temporada de verán- e ata o remate das Festas dos Milagres, é dicir, as datas nas que finaliza a temporada alta de presenza de visitantes na vila en particular e no municipio en xeral. Dito informe reflicte o perfil das persoas que fixeron uso deste servizo municipal durante ese período.

En primeiro lugar cabe salientar o destacado volume de consultas atendidas, que ascende a 405, o que supón que a número de persoas que acudiron á OMIT superase as mil xa que, por norma xeral, os turistas acoden a ela acompañados. De feito, o perfil das persoas que visitaron o Concello neste verán indica que un 68% o fixeron en parella ou con amigos.

As tres motivacións principais dos turistas á hora de escoller A Laracha como o seu destino son a natureza, a gastronomía e o surf. Neste contexto destaca a praia de Caión, pero tamén os roteiros litorais para realizar a pé nesta mesma localidade, a área recreativa de Gabenlle e o paseo fluvial do río Anllóns. Por outro lado, tamén se valora a calidade dos produtos culinarios locais e os establecementos hostaleiros nos que se ofrece a posibilidade de degustalos.

O 28% dos turistas que nos visitaron neste verán son estranxeiros, procedentes principalmente de países como Alemaña, Inglaterra, Francia e Suíza. Dos visitantes nacionais a maioría procederon de Madrid Castela e León, País Vasco e outros puntos de Galicia.

Case a metade dos turistas afirman visitar o Concello da Laracha por primeira vez e que a duración media da súa viaxe é de 20 días. A inmensa maioría utilizan o automóbil como medio de transporte e chama a atención que un de cada catro usuarios da OMIT chegou a Caión en autocaravana. Cabe lembrar que o Concello da Laracha ten dispoñibles dúas áreas de servizo para este tipo de vehículos, unha en Xermaña (Caión) e outra en O Regado (Cabovilaño, xunto á estrada AC-552).

A Oficina de Información Turística do Concello da Laracha, atendida por persoal técnico especializado na materia, está a funcionar en dúas localizacións: no novo edificio administrativo da Laracha (de martes a venres, de 9:00 a 13:30 horas) e na antiga rectoral de Caión (de martes a venres, de 15:30 a 18:30 horas, e o sábado tanto pola mañá como pola tarde).

Arquivado en:

Novas