X

Amparanoia e Ialma asaltarán o Castelo de Vimianzo

Amparanoia e Ialma asaltarán o Castelo de Vimianzo

Con voz de muller comeza a soar o XXIII Asalto ao Castelo de Vimianzo. A música fusión de Amparanoia e a tradición galega de Ialma son as primeiras notas para compoñer o cartaz da festa dos irmandiños da Costa da Morte. O sábado 7 de xullo será o día grande dunha celebración cunha chea de actividades que se irán desvelando pouco a pouco.


A festa está a celebrar os 550 anos da guerra irmandiña (1467-1469). Este ano estará dedicado ao histórico asalto do que poucos datos se teñen. Descoñécese a data concreta na que a veciñanza atacou a fortaleza vimiancesa para loitar contra a nobreza e o sistema feudal. Amparo Sánchez decidía o ano pasado retomar o grupo Amparanoia no vinte aniversario do seu primeiro e exitoso álbum El poder de Machín. Toda unha homenaxe a un grupo que fixo parte da banda sonora da súa xeración e das máis novas. Artistas ben recoñecidos como Manu Chao, Macaco, Fito y Fitipaldis ou Chambao colaboraron cunha versión dos seus temas.
A intención era reunirse polo menos durante unha xira, mais o éxito conseguido foi tal que acaban de anunciar novo single esta mesma semana “Vente pa Barna”, e Vimianzo é a súa primeira confirmación coñecida para este verán.

Arquivado en:

Novas