X

As Torres do Allo amplían a súa programación durante a Semana Santa

As Torres do Allo amplían a súa programación durante a Semana Santa

Esta Semana Santa ven cargada de novidades e eventos nas Torres do Allo, no Concello de Zas. A primeira delas é a ampliación dos días e horarios de apertura do monumento, que abrirá tódolos días do 24 de marzo ao 1 de abril de 11:00 a 20:00 horas; manténdose as visitas guiadas gratuítas á 13:00 e ás 17:00.

 

Ademais, a Concellería de Cultura de Zas, xunto coa Deputación da Coruña e as asociacións Churía, Adro e Castro-Meda; inaugurarán o venres 23 de marzo a Mostra de Traxe Tradicional da Terra de Soneira que permanecerá no Pazo do Allo ata o 29 de abril. Nesta exposición poderán verse pezas únicas de máis de cen anos, fotografías antigas e fragmentos audiovisuais de recollidas realizadas hai décadas. Tamén dentro do programa da Mostra se realizarán dous obradoiros relacionados coa confección de indumentaria tradicional. Un de fiaños, organizado polo grupo de baile tradicional Churía, que terá lugar o domingo 8 de abril; e outro de elaboración de colares, organizado pola Asociación Cultural Adro, que se desenvolverá o domingo 22 de abril. Os talleres teñen un número limitado de prazas e un custe de 12€ por persoa para cubrir os materiais necesarios. A inscrición para participar neles poderase facer durante toda a semana santa na propia recepción das Torres do Allo ou a través do correo electrónico info@torresdoallo.gal.

Pero ademais, esta Semana Santa volven as visitas teatralizadas ao Pazo do Allo a cargo de Os Quinquilláns. O venres 30 e sábado 31 de marzo ás 19:00 horas, Vítor López-Seoane e Francisca de Riobóo farán un percorrido polas Torres do Allo explicando a súa forma de vida e curiosidades do día a día no pazo. Unha forma diferente de coñecer a historia do pazo máis antigo de Galicia.

Tamén para as familias continúa o xogo de pistas "Os Secretos Ocultos nas Torres" que se pode realizar en calquera momento en horario de apertura. Unha actividade de balde para facer cxs nenxs e desfrutar dun entorno natural verde e unha paisaxe auténtica.

Arquivado en:

Novas