X

ATLANTIC_SUNSET poñerá en valor o solpor como recurso económico alternativo ao turismo tradicional

11/07/2023

ATLANTIC_SUNSET poñerá en valor o solpor como recurso económico alternativo ao turismo tradicional

Os profesores da USC Ángel Miramontes, Jorge Mira e Rubén Lois coordinan este proxecto que busca "aproveitar non só a beleza natural asociada ás mellores e máis particulares postas de sol do Atlántico senón tamén identificar e valorizar os recursos endóxenos locais asociados ao sol".

Promover a contemplación do solpor como unha forma de turismo única, sustentable e integradora do Espazo Atlántico é o alicerce do proxecto ATLANTIC_SUNSET, coordinado polos profesores da USC Ángel Miramontes, Jorge Mira e Rubén Lois. O consorcio integrado por oito institucións de catro países e liderado pola Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER), acaba de obter máis dun millón de euros de financiamento no marco do programa Interreg Espazo Atlántico 2021-2027 que ten como obxectivo apoiar iniciativas innovadoras que contribúan ao crecemiento da zona atlántica mediante accións conxuntas e o intercambio de boas prácticas. Este é unha das cinco propostas para as que a USC recibiu financiamento ao abeiro desta convocatoria. 

ATLANTIC_SUNSET é o primeiro proxecto europeo que se desenvolve no marco desta temática e constitúe un fito no aproveitamento turístico sostible deste recurso fóra dos grandes destinos de postas de sol europeas. De feito, o proxecto, asentado na experiencia de diferentes grupos de investigación de referencia no ámbito da física e da xeografía, busca "aproveitar non só a beleza natural asociada ás mellores e máis particulares postas de sol do Atlántico senón tamén identificar e valorizar os recursos endóxenos locais asociados ao sol e que se converten nun reclamo patrimonial”, explican.

O proxecto constitúe unha nova oportunidade de desenvolvemento territorial conxunto vinculado á posta de sol e servirá para poñer en valor a costa atlántica do oeste europeo como medio de desenvolvemento económico alternativo ao turismo tradicional, “considerando a complementariedade temporal e espacial, a inclusión e a innovación social”, afirman os responsables do proxecto.

A CMAT, xunto con outras entidades como Turismo de Galicia, Innovation Norway (Visit Norway), INCITE-CSIC, Associação Nacional de Municípios Portugueses, Visit Cornwall, Mayo Dark Sky Park / Wild Nephin National Park, Technological University Dublin, Turismo de Porto e Norte e Cornwall Council, apoiarán o proxecto. 

Se queres coñecer máis sobre o proxecto, podes facelo a través da noticia da USC

 

Arquivado en:

Novas