X

Case 400 fotografías presentadas ao II Concurso "Enfoques do Allo" dobrando a participación da primeira edición.

Case 400 fotografías presentadas ao II Concurso "Enfoques do Allo" dobrando a participación da primeira edición.

O pasado 20 de agosto pechábase o prazo para enviar arquivos ao II Concurso de Fotografía co Móbil "Enfoques do Allo". Un certame de fotografía que escolle a mellor instantánea realizada cun teléfono móbil no monumento das Torres do Allo e o seu contorno. Púxose en marcha por primeira vez o ano pasado cunha resposta formidable; pero nesta segunda edición recibíronse 390 imaxes de altísima calidade de 90 persoas diferentes, o que duplica practicamente a participación do 2018.

Neste concurso organizado pola Concellería de Cultura de Zas como parte do seu programa de actividades na xestión das Torres do Allo, as fotografías gañadoras son escollidas por votación popular nas redes socias oficiais do monumento no Facebook e Instagram. Un xurado composto por persoeirxs e profesionais de referencia no eido da comunicación escollerá as dez fotografías finalistas que logo serán publicadas nas redes para a súa votación. Desta volta o xurado está composto por Jorge Parri, reporteiro gráfico para diferentes medios na Costa da Morte; Andrea Rodríguez, presentadora en Radio Nordés Cadena Ser; Verónica Couto, presentadora de Radiovoz; Tania Carreira, técnico de turismo do Concello de Zas; e Marcos Rodríguez, fotógrafo. O vindeiro xoves 30 de agosto ás 19:00 horas reuniranse nas Torres do Allo para seleccionar as footgrafías finalistas.

O prazo de votación popular nas redes sociais abrirase no momento da súa publicación dixital o 1 de setembro e as fotografías gañadoras serán aquelas que teñan un maior número de "gústame" sumando as interaccións do Facebook e Instagram. Serán tres imaxes as galardoadas que levarán como premio un trofeo e diploma, a fotografía impresa en gran formato, e unha dotación económica de 100, 75 e 50 euros respectivamente.

 

Arquivado en:

Novas